O alumnado do IES Universidade Laboral mergúllase nos proxectos do CITIC

xoves, 16 de maio do 2019 Redacción

Na mañá deste mércores 15 de maio, o Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña recibiu a visita dun grupo de alumnos e alumnas de primeiro de bacharelato do IES Universidade Laboral de Culleredo. O subdirector do CITIC, Javier Pereira, e o integrante da unidade de Transferencia Tecnolóxica e Innovación do CITIC e profesor do devandito instituto, Jesús Díaz, presentaron aos estudantes o centro e as súas principais liñas de actuación.
Logo desta primeira toma de contacto, as investigadoras Paula Fraga e Lucía Ramos achegaron ao alumnado as súas investigacións no ámbito das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), Paula Fraga abordando o potencial da tecnoloxía 5G e a aplicabilidade da sensórica a diferentes ámbitos (ademais de achegar as súas investigacións no ámbito da realidade virtual e a realidade aumentada) e Lucía Ramos introducindo aos asistentes na aplicabilidade da Intelixencia Artificial no eido da saúde; en concreto, nas análise de imaxes oftalmolóxicas para a prevención e seguimento de diferentes patoloxías. Ademais, tamén afondou nas súas investigacións sobre o estudo de imaxes de lineais mediante sistemas intelixentes en puntos de venda para realizar estudos de mercado, así como na análise de imaxes recollidas por cámaras de seguridade para analizar o comportamento de persoas ou obxectos.
Máis tarde, o investigador Óscar Blanco realizou unha demostración do voo dun dron creado no marco do proxecto colaborativo Concordance para prevención de colisións para vehículos aéreos non tripulados (UAV polas súas siglas en inglés) empregando técnicas de aprendizaxe profunda (Deep Learning) e sensórica optimizada.
Para rematar, os investigadores Alberto Alvarellos e Ignacio Fraga presentaron o proxecto colaborativo Treboada, no que se utilizan técnicas de predición de precipitacións mediante sensores de baixo custo e aprendizaxe máquina. Desta maneira, os asistentes puideron coñecer o funcionamento dun sensor de predición de precipitacións na cuberta do CITIC.

PUBLICIDADE