O alumnado do Centro de Formación Audiovisual da Deputación retransmitirá en streaming os campionatos de baristas de Foz

martes, 4 de febreiro do 2020 Redacción

A Mariña de Lugo ten dende hai anos unha importante xanela na que mostrarse ao mundo: os Campionatos Internacionais de Baristas de Foz, un certame de expertos en café que xunta cada ano as máis relevantes promesas do sector da hostalería e algúns dos máis reputados expertos do sector do ámbito galego, estatal e internacional. O acontecemento ten tamén unha importante repercusión nas redes, da man da Deputación de Lugo e o seu Servizo de Audiovisuais (a través do Centro de Formación Audiovisual). Este ano non será unha excepción.
A entidade provincial deu a coñecer hoxe os detalles da súa colaboración, que se vai materializar en accións concretas como a retransmisión en streaming das diferentes partes do evento. O Campionato de Baristas, para quen non o saiba, vén da man do IES de Foz.
Estes datos foron achegados hoxe pola deputada de Turismo, Pilar García Porto, xunto ao deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, o alcalde de Foz, Fran Cajoto e o director do IES da localidade lucense, Nicolás Asensio.
Na presentación dos diferentes eventos, un total de catro (a edición número trece do Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería, a oitava convocatoria do Campionato Internacional de Catas de Cafés de Escolas de Hostalería, o oitavo Campionato Internacional de Baristas Profesionais e a primeira edición do Campionato Internacional de Catas de Cafés de Profesionais), García Porto explicou que amais da cobertura tecnolóxico-audiovisual, a Deputación achegará ao seu apoio ao certame cunha achega económica de 3.000 euros. Tamén lembrou que os diferentes campionatos celebraranse a vindeira semana, entre o mércores e o venres, no devandito centro educativo da Mariña.
No acto de presentación celebrado hoxe, as alumnas Perla Daniela Sención, que representará á Escola de Hostalaría focense no Campionato de Baristas, e Iria Pardo, no de Catas, prepararon unha degustación de cafés para os asistentes, e demostraron o gran nivel formativo deste centro focense.
O alumnado de segundo de Realización, baixo a supervisión de docentes e técnicos, será o encargado da emisión por streaming dos campionatos, nos que participarán 13 Escolas de Hostalería de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Castela e León, e 14 profesionais do sector que, por primeira vez, competirán na cata de cafés. As competicións poderán seguirse en directo a través de YouTube.
No acto de hoxe tamén interveu o deputado Pablo Rivera, quen sinalou que a Deputación “continúa coa colaboración que iniciou a antiga Fundación TIC hai máis de dez anos”. Desta volta, serán os estudantes do Servizo de Audiovisuais (Centro de Formación Audiovisual), a antiga Fundación TIC, os encargados da retransmisión en streaming das actividades, concretamente o alumnado de segundo de Realización. Segundo sinalou Pablo Rivera, nesta experiencia os estudantes “terán que enfrontarse a todos os condicionantes dunha emisión en directo e resolver os mesmos problemas que se atoparán cando accedan ao mercado laboral”.
Pola súa banda, o alcalde de Foz agradeceu o apoio da Deputación “para dar visibilidade ao gran traballo do noso IES, do que saen grandes profesionais e que, ademais, anima a outros mozos e mozas a formarse neste centro. Pola súa banda, o director do dito centro educativo, Nicolás Asensio, salientou tamén a importancia da educación pública e agradeceu ao alumnado do SdeA “o seu esforzo”. E engadiu: “Este encontro é unha gran oportunidade para que, tanto vós como os estudantes da nosa Escola, poñades en valor á formación que recibides”.
Tres xornadas e unha novidade
O evento arrancará o mércores, 12 de febreiro, ás 17:30 horas cos Campionatos de Baristas e de Catas de Café das Escolas de Hostalería. O xoves continuará a competición de baristas ás 10:00 e pola tarde, ás 17:30, celebrarase por primeira vez o Campionato Internacional de Catas de Cafés Profesionais. Xa por último, o día 14, ás 9.00 horas empezará o VIII Campionato Internacional de Baristas Profesionais.

PUBLICIDADE