O alumnado de Xornalismo da USC lanza unha guía transmedia sobre saúde mental: Ikigai

mércores, 22 de xuño do 2022 S. P.

O alumnado de Xornalismo da USC publicou unha guía de xornalismo sobre saúde mental, un proxecto transmedia e multiplataforma que ten o obxectivo de mellorar a información sobre esta temática, unha cuestión sobre a que cómpre seguir dando importantes avances en materia comunicativa. Fíxoo colaboración co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Chámase Proxecto Ikigai e foi materializado polo alumnado de primeiro curso do grao de Xornalismo da USC, baixo a coordinación de José Casás, Xosé López e Ana Isabel Rodríguez Vázquez e coa colaboración do Colexio de Xornalistas e o Grupo de Investigación Esculca.
O Proxecto Ikigai continúa o labor iniciado coa Guía de linguaxe inclusiva, a guía do Proxecto Xermolo e a guía do Proxecto Decode, redactadas polos alumnados de anos anteriores. Desta volta a guía pon o foco na saúde mental, “de especial relevancia na actualidade”, segundo salienta o colexio, que destaca que o documento consta de seis apartados diferenciados, comezando por un panorama da actual situación na sociedade respecto da saúde mental e o concepto xaponés Ikigai, que se refire ao benestar ligado a un propósito vital. No segundo dos epígrafes, Xornalismo e saúde mental, analízanse a responsabilidade que ten a profesión no tratamento de informacións relativas á saúde mental. En Referencias e entidades ás que recorrer ofrécese unha listaxe de fontes expertas, entidades e organismos institucionais aos que acudir á hora de facer coberturas sobre cuestións de saúde mental. A continuación, Lexislación sobre saúde mental fai un repaso de toda a lexislación existente na actualidade (a nivel local, autonómico, estatal, europeo e internacional).
Guía de boas prácticas é o apartado máis extenso e nel podemos atopar un decálogo con recomendacións para abordar o tratamento de informacións sobre saúde mental e unha aproximación á cuestión do suicidio.
Tanto o Proxecto Ikigai como os seus predecesores toman como referencia o traballo e o blog de Nacho Mirás, xornalista e profesor da facultade de Ciencias da Comunicación prematuramente falecido. Estas iniciativas forman parte dun conxunto de proxectos en homenaxe ao xornalista, que inclúen tamén a Bolsa Nacho Mirás para xornalistas noveis organizada polo CPXG ou a denominación da aula que leva o seu nome na Facultade de Ciencias da Comunicación.
O Proxecto Ikigai é unha iniciativa multiplataforma que se pode consultar en diversos formatos. Ademais da publicación da guía en PDF, poden consultarse os seus contidos nunha web de seu, así como unha conta en Instagram.

PUBLICIDADE