O alumnado de Comunicación de Pontevedra adéstrase na creación de videoxogos

xoves, 20 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra está a acoller estes días un curso centrado no motor gráfico Unity, a popular contorna de desenvolvemento de videoxogos. O obradoiro, inserido na oferta de talleres da Vicerreitoría para este cuadrimestre, vén da man do grupo de innovación docente ComTecArt (Comunicación, Tecnoloxía e Arte), impulsor o ano pasado (co alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación) dunha experiencia colectiva para deseñar a primeira fase dun videoxogo sobre A viaxe do elefante de José Saramago. Este labor cooperativo é o xermolo do do curso Uso de motores gráficos-Unity.
O obradoiro céntrase en familiarizar a alumnado sen coñecementos de programación coas contornas de traballo nas que se desenvolven proxectos de lecer dixital. A actividade formativa, de 30 horas, está dirixida pola profesora de CCSS e da Comunicación Beatriz Legerén e impartida polos docentes Antonio Pena e Luis Fernández. O miolo do curso céntrase no software Unity, un motor gráfico que “serve entre outras moitas cousas para desenvolver videoxogos”, como explica Legerén, que incide en que o obxectivo do curso é que “xente que non é programadora saiba como funciona este motor e como se organizan os contidos”.
Antonio Pena, profesor da EE de Telecomunicación e responsábel de abordar nas primeiras sesións da actividade unha introdución ao funcionamento dos motores gráficos, explica que estes son un tipo de software que “permite traballar a xentes diversas”, como persoas procedentes do ámbito da Comunicación Audiovisual ou das Belas Artes, de tal xeito que, sustentándose no traballo de programadores, outros perfís poidan modificar diferentes variábeis ou parámetros do xogo. “A idea é dar unha formación básica para logo poder usar o motor gráfico e axustar as cousas que o programador vai preparar”, engade.

PUBLICIDADE