O alumnado de Comunicación Audiovisual da UVigo achega vídeos para combater a desinformación

luns, 18 de decembro do 2023 S. P.

Dar a coñecer os diferentes tipos de desinformación existentes ao abeiro das novas ferramentas de comunicación e os recursos que a cidadanía ten ao seu alcance para verificar a información é o propósito dos diferentes vídeos que, ao longo deste cuadrimestre, o alumnado do Grao en Comunicación Audiovisual (Campus de Pontevedra, UVigo) difunde a través das redes sociais. Divididos en oito de grupos, preto de 45 estudantes realizan esta serie de breves pezas audiovisuais no marco do proxecto Dixitais. Laboratorio cidadán para competencia dixital e mediática.
Trátase dunha iniciativa de aprendizaxe-servizo (ApS) coordinada polo profesor da Facultade de Comunicación Alberto Dafonte, e que chega á súa quinta edición contando, un ano máis, coa colaboración da ONG Ecos do Sur, organización centrada na loita contra as desigualdades e na prevención e abordaxe da desinformación e o discurso do odio en Internet, a través da súa liña CibeRespect, unha iniciativa que recibiu o Premio á Innovación Social da Fundación La Caixa e o premio ás boas prácticas do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia. Nesta liña de traballo insírense as sesións formativas que o equipo de comunicación desta ONG galega impartiu, de xeito virtual, aos e ás participantes neste ApS.
Desta volta, o proxecto insírese nas actividades da materia Propaganda en medios audiovisuais, incorporando no devandito Grao unha serie de cambios para “afondar en certos conceptos relativos á desinformación e como loitar contra ela, directamente relacionados cos contidos da materia”, como explica Dafonte. Así, se en anteriores edicións os vídeos do alumnado permitiron abordar certos mitos ou boatos (informacións sen contrastar) relacionados con temáticas ou colectivos concretos, nesta edición o proxecto busca pór o foco na propia problemática da desinformación.
O primeiro dos dez vídeos que o alumnado debía realizar tiña que centrarse en ofrecer unha definición desta problemática. A partir de aí, o proxecto abrangueu a publicación semanal doutros nove vídeos, centrados en “dous grandes bloques de contidos”; os diferentes tipos de desinformación existentes e as ferramentas que existen para combatela. Co obxectivo de contribuír, como explica Dafonte, “á alfabetización mediática” da cidadanía, os diferentes grupos crearon perfís en redes sociais, aos que foron incorporando cada semana os seus traballos e que actualmente acumulan no seu conxunto máis de 72.000 visualizacións.
Mais da metade das visutalizacións concéntranse nunha peza realizada polo grupo Informales en TikTok, que acumula máis de 42.000 visualizacións. Trátase dun vídeo no que explican o que supón un “contexto falso”, o uso de imaxes reais acompañadas dunha información contextual falsa. Fano a partir dun exemplo concreto, un vídeo recentemente difundido a través das redes sociais e que se presentaba como imaxes dunha voda entre un home musulmán e unha nena de dez anos, cando en realidade, como explican os estudantes, tratábase do vídeo dun pai italiano facéndolle un regalo a súa filla. Este vídeo acadou tamén máis de 3500 gústame e preto de 400 comentarios, que permitiron ao grupo analizar en outras problemáticas relacionadas coa desinformación, como o nesgo de confirmación, en vídeos posteriores.

PUBLICIDADE