O alto grao de innovación TIC, nexo común dos dez proxectos que pasan á fase final de VíaVigo
martes, 27 de xaneiro do 2015
- Xornada DemoDay da edición 2014 de VíaVigo
As novas tecnoloxías da
información e o sustentábel son en boa medida os piares dos dez
proxectos da aceleradora de empresas VíaVigo
que pasan á fase final da súa nova edición (a segunda), unha etapa
(esta recta final) na que recibirán capital e formación
individualizada. Esta escolma de dez proxectos, informan os
responsábeis da palestra empresarial galega (Zona Franca de Vigo,
GAIN e Xes Galicia), é o resultado dun programa formativo (academia)
e dun proceso de selección de iniciativas finais na que participaron
case unha vintena de propostas. Os dez proxectos elixidos recibirán
un capital de 1.250.000 euros entre capital semente e achegas a fondo
perdido, máis outros 250.000 euros en gastos de formación e
consultoría.
Agora, os responsábeis
das iniciativas terán que constituír cada un a sociedade
correspondente e, desde a vindeira semana e durante medio ano,
traballar os seus proxectos no espazo de coworking do Centro
de Negocios de Porto do Molle, cun experto equipo de asesoramento.
Logo disto, poderán saír definitivamente ao mercado e presentarse a
roldas de investimento.
Este dez novos negocios,
que
poden ser consultados na web de ViaVigo, abranguen modelos
xurdidos de novas ideas que van desde o desenvolvemento de
aplicacións á produción ecolóxica ou ao deseño e fabricación de
máquinas de adestramento deportivo.
Entre os novos modelos de
negocio para o mundo dixital un dos proxectos apóiase no
desenvolvemento dunha pulseira intelixente que potencia as relacións
sociais “e que tamén pode ter un uso profesional”, sinalan
fontes da Zona Franca, que engaden (facendo listaxe das propostas
TIC) que “tamén hai outro modelo que desenvolve unha aplicación
de mensaxería instantánea que mellora a atención ao cliente; unha
plataforma que achega seguridade xurídica aos procesos precisos para
a celebración de xuntas de accionistas e consellos de administración
por vídeo streaming desde calquera dispositivo fixo ou móbil;
un desenvolvemento que, previo pago dunha tarifa plana, permite aos
usuarios acceder ao total do catálogo de videoxogos; unha rede
social para compartir vídeos de deportes con tracking
automático que inclúe unha aplicación multiplataforma; e outra
plataforma orientada a crear hábitos saudábeis nas empresas que
ofrece ferramentas para mellorar o estado físico e emocional dos
traballadores”.
Por orde alfabética, os
proxectos que acceden á fase de aceleración son: Chameleon Band,
Citious, Council Box, Embutido Vexetal, H2 Hydroponics, Latitude, MyR
Performance, Sila Games, Sportracking Social Network e Vidahora.