O aforro total xerado pola Oficina Virtual Tributaria dende 2009 foi de 143 millóns

venres, 5 de xuño do 2015 Redacción

A Oficina Virtual Tributaria (OVT) de Galicia achegou este xoves un informe exhaustivo sobre a actividade xerada en 2014, facendo especial fincapé nos beneficios concretos achegados pola mesma (unha adaptación plena á contorna da eAdministración do sistema tributario tradicional). Segundo se fai saber, a OVT permitiu o ano pasado un aforro de máis de 30 millóns de euros, atinxindo a cidadáns e tamén a empresas. Por certo que o aforro total, contabilizando dende 2009, ascendeu a 143 millóns. En termos máis xenéricos e segundo fixo saber o conselleiro de Facenda (Valeriano Martínez) no Consello da Xunta, “o sistema telemático serviu para mellorar a produtividade da Administración e elevar a transparencia cara o contribuínte”.
En 2014, engadiu, “a Oficina Virtual Tributaria recibiu un total de 747.329 accesos, o que representa un incremento do 11,5% respecto a ano anterior e do 45,6% dende 2009”. E apuntou: “Na actualidade, esta ferramenta telemática recibe máis de 2.000 accesos ao día”. A maiores, no informe presentado lémbrase que arestora, o 100% dos impostos xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) poden presentarse xa por vía telemática, “o que permite a calquera contribuínte realizar este trámite as 24 horas do día os 365 días do ano, e sempre coa máxima seguridade”. Tamén se pode realizar por esta vía o pagamento de taxas, prezos, multas e sancións.
Respecto a operacións concretas e accións contabilizadas, a investigación apunta a que preto do 65% das autoliquidacións de impostos presentadas en 2014 foron a través de Internet, “mentres que as presentacións en papel reducíronse neste período ao 35%”. Dende 2009 o peso dos trámites por vía telemática medrou en case 19 puntos, do mesmo xeito que se van reducindo as presentacións por papel. “En total”, explícase, “a Oficina Virtual Tributaria da ATRIGA recibiu o pasado ano 268.081 autoliquidacións por Internet, e a cifra acumulada dende 2009 é de 1,3 millóns”. Por outra banda, cidadáns e empresas tramitaron 333.636 valoracións de bens a través desta ferramenta, un 86% máis que hai seis anos.
Recordar tamén que entre os servizos públicos electrónicos que fornece a OVT atópanse a confección e impresión de modelos de autoliquidación, a declaración e pagamento telemático de tributos e outros servizos xerais, como consultas, valoracións de bens inmobles, valoración de vehículos usados, verificacións de documentos ou certificacións. Outro dos eidos é a emisión electrónica de certificados de débedas (a través da vía telemática emítense certificados a terceiros para cumprir requisitos en solicitudes de axudas, subvencións ou contratos).

PUBLICIDADE