O acceso a Internet en España segue sen abaratarse

venres, 8 de marzo do 2013

O acceso a Internet en España segue a ser un dos máis caros de Europa, cousa que non deixa de chocar, tendo en conta que o país segue entre os máis necesitados de vida e actividade dixital. O dato vén da man de Ofcom, organismo que controla a competencia no sector TIC de Reino Unido e responsábel, desta volta, dun estudo (en pdf) sobre o nivel de calidade, prezos, dispoñibilidade e penetración dos servizos tecnolóxico-dixitais en 27 países. Precisamente, España suspende en prezos pero saca mellores notas en penetración e cobertura, cousa que tampouco é como para botar bombas de palenque. Volvendo aos prezos, dicir que na cabeza de listaxe está Reino Unido (unha clasificación na que se cotexan as medias do custe de banda larga fixa e voz) e na cola, como dixemos, España. O custe medio dos países avaliados é de 64 euros (350 minutos de voz e velocidade de descarga de 8 Mpbs, entre outras cousas), e en España de 80 euros.
Onde si que se consegue algo é na calidade do produto ofrecido. Ou sexa, que non se paga tanto por un servizo e cobertura peor cá media, senón mellor. Así, o subministro de acceso a Internet para fogares en España empata na primeira posición con outros quince países, cunha cobertura de redes de banda larga estándar que oscila entre o 95 e o 100%. Algo moi semellante acontece coa banda larga móbil. No que atinxe á banda larga de alta velocidade, a taxa é de entre o 60 e o 65%, unha taxa a ter en conta pero algo afastada das que ofrecen en Bélxica, Holanda e Malta (alén do 95%). En penetración, de cada 100 familias españolas, 59 teñen conexión á banda larga (nos países nórdicos andan a rentes dunha taxa de 80).

PUBLICIDADE