O Zune chegará a España como unha tenda de contidos multimedia

martes, 21 de setembro do 2010 Marcus Fernández

Microsoft leva varios anos intentando facerse un espazo no mercado dos reprodutores multimedia nos EE.UU. co seu Zune, e aínda que esta familia de dispositivos continúa a estar inédita en Europa, no outono preparan o desembarco da súa plataforma de contidos a varios países europeos entre os que figura España.
A ausencia dos Zune HD (reprodutores de contrastada calidade) no mercado europeo non será un atranco para o Zune Marketplace, pois pode accederse a esta plataforma de contidos de pagamento a través do PC, da consola de videoxogos Xbox 360 e dos futuros móbiles co sistema operativo Windows Phone 7, que posiblemente cheguen simultaneamente coa nova tenda de descargas.
A nova plataforma permitirá a compra de cancións en formato MP3 a un prezo de entre 79 e 99 puntos por pista (entre 0,95 e 1,19 euros), o aluguer de vídeos (a compra dos mesmos non estará dispoñible para España) e incluso a subscrición musical mediante entreaming por 9,99 euros/mes contratando o chamado Zune Pass.

PUBLICIDADE