O XV Foro Tecnolóxico do Emprego pecha con record de participación

venres, 6 de marzo do 2015 Redacción

Tras 5 días de actividade pechouse a XV edición do Foro Tecnolóxico do Emprego celebrado na ETS de Enxeñaría de Minas da Universidade de Vigo, encontro que busca consolidarse como un dos principais foros de emprego do ámbito tecnolóxico, que nesta edición bateu marcas de participación, tanto en volume de empresas como de alumnos asistentes.
“A valoración desta edición é excelente”, subliñou Darío Castro, estudante de Enxeñaría Industrial que este ano se encargou da coordinación xeral e que puxo así en boca da organización o que era un sentir xeral nunha clausura que estivo presidida polo reitor Salustiano Mato e á que tamén asistiron os directores das escolas de Enxeñaría de Telecomunicación e Minas, Íñigo Cuíñas e Benito Vázquez, e o subdirector de Alumnado da Escola de Enxeñería Industrial, Fernando Cerdeira.
“Esta é unha desas actividades que mellor representa iso que demos en chamar Actitude UVigo, unha universidade que está en constante relación co resto da sociedade e se achega ao mundo real”, subliñou o reitor, que aproveitou a súa presenza alí para garantir o apoio universitario a unha iniciativa “da que presumimos aló por onde imos e coa que estamos seguros se está a contribuír de maneira eficaz á creación de emprego”.
“A actividade nos postos das empresas foi constante ao longo de toda a semana e os relatorios tiveron tamén moi boa acollida”, subliñou Castro, que explicou que as exposicións dos traballos da escudaría UVigo Motorsport e Lupeon 3D, firma creada por un grupo de ex alumnos da Universidade a principios de 2013 e dedicada á imprensión 3D, “espertaron moita curiosidade e gustaron moito”, polo que a idea é “seguir ampliando esta sección en vindeiras edicións”.

PUBLICIDADE