O Windows 7 pode reservarse no Reino Unido por só 49,99 libras

mércores, 15 de xullo do 2009 Marcus Fernández

As actualizacións a Windows 7 xa levan uns días podéndose reservar nos EE.UU. a un prezo promocional (49 dólares) o que parecía que non ía chegar a Europa por mor de que a versión que temos aquí do sistema operativo é diferente (carece do Internet Explorer preinstalado) pero finalmente vemos cómo no Reino Unido xa pode encargarse a actualización a Windows 7 Home Premium E por 49,99 libras esterlinas (57,13 euros) ou incluso menos (44,97 libras a través de Amazon) o que supón unha importante rebaixa fronte ás 149,99 libras que custa fóra da promoción.
Esta promoción sería para un número limitado de unidades, podendo durar coma moito ata o 9 de agosto, mentres que a actualización a Windows 7 non comezará a enviarse aos compradores ata o 22 de outubro, data de lanzamento do novo sistema operativo de Microsoft.
A existencia desta promoción no Reino Unido abriría a porta a que lanzasen ofertas semellantes en España, aínda que hai que considerar que a actualización non é realmente tal, xa que para a súa instalación hai que partir de cero, pois ao eliminarse o Internet Explorer non pode partirse dunha versión anterior de Windows (coma XP ou Vista) coma fan nos EE.UU.

PUBLICIDADE