O Windows 7 chega oficialmente ao mercado

xoves, 22 de outubro do 2009 Marcus Fernández

Hoxe é o día no que Microsoft lanza oficialmente o Windows 7, sistema operativo que toma o relevo do Windows Vista para librarse así da mala sona do sucesor de Windows XP, e que é a grande esperanza da industria da informática para dar un novo pulo ás vendas de equipos, como habitualmente acontece con este tipo de lanzamentos.
A partires de hoxe, dende os ultraportátiles (que gozarán do Windows 7 Starter) ata os equipos máis potentes (que deberían facer uso dalgunha das versións de 64 bits do novo sistema) poden adquirirse co Windows 7 preinstalado, o que habitualmente supón o mesmo desembolso económico que cando incluían Windows Vista, o que contrasta cos elevados prezos que ten o S.O. ao mercalo de xeito independente, custando o Windows 7 Home Premium 199,99 euros (119,99 euros na versión de actualización), 309 euros o Windows 7 Professional (285 euros se é unha actualización) e 319 euros o Windows 7 Ultimate (299 euros a actualización), resultando indistinto se falamos da versión de 32 como a de 64 bits, aínda que tamén é posible atopar ofertas puntuais como a das tendas de APP, que venden o Windows 7 Home Premium de 32 bits a 97,50 euros.
De todos os xeitos, a adquisición deste software de xeito independente non parece unha decisión moi atinada, xa que, por exemplo, un equipo Compaq Presario con 4 Gb de RAM e 500 Gb de disco duro pode adquirirse por pouco máis de 300 euros incluíndo o Windows 7 Home Premium de 64 bits, que estaría valorado en 199,99 euros, ou sexa, que o ordenador sairía a un prezo de risa, de aí que resulta aconsellable deixar o cambio de sistema operativo a o cambio de equipo ou a algunha oferta puntual (coma descontos para estudantes ou paquetes de licenzas para uso familiar ou corporativo).
A versión candidata de Windows 7 pode instalarse en españolResulta interesante observar que os equipos con máis de 3 Gb de memoria RAM que inclúen Windows 7 preinstalado optaron principalmente pola súa versión de 64 bits (para poder facer un uso total da memoria dispoñible), confirmándose as previsións de que Windows 7 podería ser o sistema operativo que impulsase o salto aos 64 bits, o que agradecerán os usuarios que manexen grandes volumes de información (coma fotógrafos que carguen imaxes en alta resolución para o seu retoque).
Os usuarios que adquirisen equipos con Windows Vista preinstalado posiblemente noten poucas melloras en Windows 7, pero os equipos que si notarán de xeito importante o cambio serán os ultraportátiles de baixo custo, pois de xeito xeral poden gozar duns tempos de inicio moito máis reducidos, e incluso comentan que van preparar unha aplicación oficial de Microsoft para permitir a instalación de Windows 7 dende unha memoria USB, o que agradecerán os usuarios destes equipos que habitualmente carecen de lector de DVD.

PUBLICIDADE