O Valedor do Pobo pídelles aos pais meirande control sobre o uso que os seus fillos fan das redes

xoves, 20 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

En Código Cero levamos anos insistindo nunha cuestión que nos colle de preto: a falta absoluta de control nunha chea dos nosos fogares sobre o uso que lle dan os cativos e os adolescentes aos novos aparellos, canles e servizos dixitais. Ditou doutro xeito: se non permitimos que os nosos fillos fagan o que queiran na vida real, por que deixarlles liberdade total cos móbiles, coas consolas de videoxogos, coas redes e con todo tipo de recursos tecnolóxicos. Nisto teñen insistido entidades como o CPEIG, INTECO, Adiccións Dixitais ou Microsoft, por citar algúns exemplos, ás que cómpre engadir a figura do Valedor do Pobo, cuxo compromiso a prol da seguridade dos adolescentes nas redes semella que non é novo. Pois ben, segundo nos conta hoxe na Rede, o Valedor non quere que se esqueza que estamos perante un problema serio, de aí que veña de publicar un novo informe onde se dá a coñecer, entre outras cousas, que a metade dos rapaces do noso país emprega a Rede sen supervisión.
Isto non tería por que transcender se non fose por unha serie de detalles a ter en conta, comezando por unha pregunta clave: por que estar tanto tempo en Internet pudendo facer outras cousas propias dun adolescente ou dun neno? A Rede ofrécelles moitas cousas positivas, pero na súa xusta medida, tanto a nivel de tempo como de volume e calidade de contidos. Neste senso, o informe do Valedor é especialmente preocupante, xa que non se reflicte unha solución a curto ou medio prazo da falta absoluta de control sobre as redes que se dá en moitos dos fogares galegos. Máis ben o contrario: o problema semella ir a máis. A día de hoxe, para ir facéndonos unha idea, arredor do 80% dos pais confesa non ter discutido nunca cos seus fillos sobre a cuestión da rede indiscriminada.
Estes e outros datos proveñen do informe Adolescentes e internet en Galicia, presentado pola dita figura pública, representada por Benigno López González. A investigación, amais do devandito, tamén apunta ao medre imparábel dun problema que non é exclusivo das redes e trebellos tecnolóxicos (tamén se pode estender a outros aparellos) e que responde en boa medida ao déficit formativo e educacional que se dá nunha chea de familias por mor de circunstancias como a longa serie de horas de traballo á que se vén sometidas os pais. Estamos a falar da adicción aos aparellos dixitais entre nenos e adolescentes, instrumentos que en moitos fogares serven, precisamente, para o descanso e relaxación de quen, no plano teórico, debería pórlles freo: os pais. Segundo se fai saber no estudo, cae o 6% da rapazada do noso país ten unha posíbel dependencia, e practicamente quinta parte do total presenta un risco elevado. O estudo foi desenvolvido sobre unha base de 2.339 adolescentes de entre 11 e 18 anos en 29 centros escolares do país, sendo o seu obxectivo avaliar polo miúdo no seu comportamento a nivel dixital. O informe confirma tamén que as enquisadas e enquisados acceden máis de dúas horas por xornada ás redes, e o 40% faino entre as 21 horas e a medianoite, cousa que moitos dos participantes no estudo prolongan até altas horas da madrugada. A maior parte dos adolescentes ten hoxe en día Internet na súa habitación. Entre os seus principais intereses atópanse, como era de agardar, as redes sociais, uns servizos que, como dicimos sempre, están moi ben e achegan moitas cousas positivas pero que tamén, de non empregalas con sentido, son auténticos roubatempos. A través destes servizos 2.0, como por exemplo Tuenti ou Facebook (por diante de Twitter e MySpace), establecen contacto con persoas da súa mesma idade, aínda que tamén se rexistra un importante medre da comunicación con persoas maiores. Así, máis do 60% confesa que ten polo menos un contacto maior de 20 anos, e un 23% con alguén maior de 30.

PUBLICIDADE