Medra o número de adolescentes galegos que acceden a contidos sexuais na Rede

venres, 1 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

Proseguen os estudos e as advertencias sobre os riscos que achega o feito de ter liberdade absoluta para empregar Internet dende idades temperás. Unha vez máis, os apuntamentos chegan dende a plataforma Adicións Dixitais, especializada en promover un uso san, racional e controlado destas redes entre a cativada e os adolescentes. Para esta entidade, o problema, lonxe de esmorecer con tempo, vaia a máis, tanto a nivel español como a nivel galego. A razón principal radica en algo que sobre o papel é unha boa nova: o espallamento das redes. De feito, calcúlase que no país galego arredor do 52,1% dos fogares teñen xa banda larga, e o 91,6 teléfono móbil. Segundo engade a plataforma, as cifras absolutas indican que hai entre doce e trece mil nenos galegos de idades entre os once e os dezaseis anos “vendo sexo en Internet co total descoñecemento dos seus pais”.

O problema, ao noso xuízo, non radica no feito querer ver sexo, algo que vén de antigo como proceso natural de desenvolvemento e que por moito que se advirta dende certos colectivos, nunca prexudicou a ninguén. O problema é a visión que se ofrece do sexo dende unha parte importante dos servizos de Internet (machista, violenta, frívola), cen por cen accesibles para quen queira velo, e a libre disposición para permitir que entre calquera, sexan cales sexas as súas intencións, no diálogo en liña que manteñen decote os adolescentes.

A isto hai que engadir o moi prexudiciais que poden ser as propias actividades dos rapaces en Internet, enviando imaxes a quen non deben ou achegando os seus datos sen ter coñecemento claro de cales poden ser as consecuencias. A xuízo de Adiccións Dixitais, un dos grandes riscos de todo isto é sen lugar a dúbidas o ciberacoso, unha práctica que pode ter as máis graves consecuencias e que segundo explica a plataforma ten dúas vertentes principais: cando se acosa a un adolescente por parte dun grupo dunha mesma idade ou cando se fai por cuestións sexuais.

Neste segundo caso, engaden, o acosador adoita “ser unha persoa maior, ás máis das veces moi intelixente e paciente que agarda o intre oportuno para dar caza á súa presa”. O problema, índice, é que esa presa pode ser o noso fillo.

Adicións dá máis datos sobre o estado das redes na nosa terra en relación á adolescencia e a nenez:

· O 61,6 por cento das vivendas teñen computador.

· O 48,9% ten banda larga.

· O 78,5% ten teléfono fixo e o 91,6% teléfono móbil

A situación, malia deixarnos un pouco por debaixo da medio estatal, abonda como para pór en marcha determinadas medidas que contribúan ao control parental no que a uso das novas tecnoloxías se refire. “Con esta tecnoloxía ao seu alcance, os adolescentes téñeno moi doado para facer o que queren e para conseguir que aos pais lles sexa moi difícil evitalo.

PUBLICIDADE