Dispoñible unha guía sobre os riscos do envío de fotos sexuais entre adolescentes

venres, 18 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

Presentación da guía contra a práctica do sextingO Goberno quere achegar recursos para favorecer un emprego racional das novas tecnoloxías entre a mocidade. Dito doutro xeito: quere que as mozas e os mozos do Estado teñan meirande capacidade para actuar nas redes con sentidiño. É nesta liña onde se insire a iniciativa presentada este venres polo Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO) e PantallasAmigas: unha publicación sobre o sexting (envío de contidos eróticos ou pornográficos a través das redes e os móbiles) e como previlo. A guía en cuestión, non só se dirixe a achegar datos útiles para os menores, senón tamén para os adultos.
Nela poden atopar consellos, recomendacións para identificar riscos, evitalos e minimizar os efectos negativos que poden ter estas prácticas. Por exemplo: que a imaxe propia que se envía chegue a destinatarios non desexados, cos problemas máis ou menos previsibles para a intimidade da persoa que a subministra. Asemade, indica INTECO, fornece aos adolescentes, pais, nais e titores de pautas de actuación en caso de incidencia e facilita unha serie de ligazóns útiles, nas que poderemos atopar información a maiores sobre estas prácticas e as súas consecuencias.
Máis polo miúdo, dicir que o sexting consiste no espallamento e publicación de contidos (sobre todo imaxes e vídeos) de tipo sexual, achegados polo propio remitente empregando para isto o seu teléfono con cámara ou outro dispositivo móbil. A falta de responsabilidade sobre as consecuencias deste feito entre adolescentes pode levar a riscos importantes na integridade moral do mozo ou da moza que realiza e espalla estas fotografías. A este respecto, cómpre ter en conta que en España, dous de cada tres menores de 10 a 16 anos conta cun dispositivo móbil propio, taxa que se dispara na franxa de idade que vai dos 15 aos 16 anos, onde a proporción é case do 90%.

PUBLICIDADE