O Trivial da Terra de Melide principia o salto a outras comarcas galegas

venres, 20 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Xesúa Freire amosando o Trivial da Terra de Melide o verán pasado

Antes as dificultedes de ver a luz como un trivial en soporte físico, o pasado verán vimos como o Trivial da Terra de Melide vía a luz como aplicación para Android, coa vocación de chegar no futuro a outras comarcas galegas, e agora, este traballo desenvolvido dende o Servizo de Normalización Lingüística da Terra de Melide principia a súa nova andaina estreando a páxina web do Trivial da Terra, que servirá para nutrir de contidos ás distintas aplicacións de preguntas de cadansúa comarca galega a través de achegas cidadás.
O Trivial da Terra nace así como un proxecto colaborativo, na que serán os propios usuarios os que propoñan preguntas de cada comarca galega, xunto á resposta correcta (e dúas respostas erradas) de xeito que, cando unha comarca supere as 1.000 preguntas rexistradas, estreará aplicación para Android. As preguntas repartiranse nos eidos da arte, a cultura e a sociedade, o medio, os personaxes célebres e a historia e, aparte de gozarse de xeito individual, tamén servirá como base para campionatos entre o alumnado de sexto de Primaria, ESO e Bacharelato dos colexios das distintas comarcas, que cada ano celebrarían a súa fase final o Día das Letras Galegas.
En vista do volume de preguntas precisas para lanzar a aplicación de cada comarca, o responsable do proxecto, Xesús Freire, estima que no prazo dun ano haxa algunha aplicación comarcal en marcha, completándose o proxecto para toda Galicia no 2017.

PUBLICIDADE