O Sistema de Información Ambiental da Xunta recibiu máis de 80 millóns de visitas en 2007

mércores, 27 de febreiro do 2008 Fernando Sarasketa

O Sistema de Información Ambiental (SIAM) da Consellería de Medio Ambiente vén de facer reconto dos froitos acadados nos seus nove meses de andaina na Rede. Segundo informou onte o dito departamento da Xunta, o espazo en liña do SIAM (posto en marcha para que a información ambiental sobre Galiza nos saia ó paso, no canto de ter que procurala) recibiu ó longo de 2007 máis de 80 millóns de visitas, a maior parte delas dirixidas cara a Meteo Galicia (na imaxe), case o 77%.
Amais disto, o servizo atendeu o ano pasado máis de 4.000 solicitudes de datos ambientais, sobre todo a través do correo electrónico e do teléfono.
Neste sento, cómpre sinalar que unha boa parte destes requirimentos tiveron que ver directamente con tarefas de investigación, xa que ese é precisamente un dos grandes obxectivos do dito espazo en liña: facilitar o labor dos investigadores galegos.
Este recurso virtual do SIAM, que conta hoxe con case 600 subscritores recibindo a información ambiental do departamento a través dun boletín electrónico, achega tamén datos de Meteo Galicia, coñecemento xeral e novidades sobre proxectos co cambio climático en Galiza e no mundo, sostibilidade local ou calidade de auga e do aire.

PUBLICIDADE