O Sistema Electrónico de Atención á Cidadanía centrou unha nova xornada formativa para o noso funcionariado

martes, 29 de outubro do 2019 Redacción

Esta mañá celebrouse a segunda xornada explicativa do Sistema Electrónico de Atención á Cidadanía para o persoal das consellerías da Administración galega. Este programa de formación, que recibiu hoxe a visita da directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, está a fornecer de coñecemento e adestramento TIC a máis de medio milleiro de funcionarias e funcionarios do Goberno galego: coñecemento sobre o funcionamento do devandito sistema dixital de comunicación.
Na sesión de hoxe participaron arredor de 150 traballadores públicos das consellerías de Educación; Cultura e Turismo; Política Social; e Medio Rural, que se suman aos 143 dos departamentos de Facenda; Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; Infraestruturas e Mobilidade; Economía, Emprego e Industria; e Sanidade, que participaron na xornada de onte.
A formación seguirá nas delegacións territoriais da Xunta a partir da próxima semana para achegar o SIACI a outros 200 empregados públicos. A primeira das xornadas nas provincias será o martes, 5 de novembro, na delegación do Goberno galego en Lugo; o venres, día 8, impartirase nas de Pontevedra e Vigo; o 13 de novembro na delegación territorial da Xunta na Coruña; e o día 14 na de Ourense.
A directora xeral salientou que o sistema de atención “permitirá reducir os prazos de resposta, eliminar o papel na tramitación interna e continuar a consolidar unha administración moderna, transparente e dixital”. Amais, explicou que o SIACI recolle nun único punto a xestión de tódalas queixas ou suxestións, así como as solicitudes de información xeral e particular e de acceso a información pública, que a cidadanía desexe presentar por vía electrónica, presencial ou telefónica.

PUBLICIDADE