O SERGAS pon en marcha unha web específica sobre a gripe A

mércores, 29 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

Perante as demandas de información concreta sobre a gripe A e a súa incidencia presente e vindeira no noso país, a Consellería de Sanidade vén de habilitar unha páxina web específica sobre o andazo. O sitio, que foi presentado hoxe pola conselleira Pilar Farjas, xorde co obxectivo de achegar información de valor tanto á cidadanía en xeral como aos profesionais da medicina, ás organizacións de apoio á sociedade ou a outros colectivos interesados no alcance e fondura da enfermidade. A web ten de novo a súa localización específica: os contidos, pola súa parte, xa estaban na súa meirande parte dispoñibles na propia web xenérica do SERGAS. O obxectivo da nova páxina, en palabras de Pilar Farjas, é duplo: por unha banda, “manter o compromiso da Consellería de Sanidade coa información permanente vinculada á gripe A”, e, pola outra, xerar unha vía de acceso á información para clarexar dúbidas a toda a cidadanía. O novo sitio está distribuído en catro apartados.
O primeiro deles inclúe datos para as usuarias e usuarios de a pé (preguntas frecuentes sobre cómo se contaxia, cales son os síntomas e os xeitos de protexerse do virus, etc), o segundo vai dirixido aos profesionais sanitarios (acceso aos informes de Atención Primaria e Especializada), o terceiro para colectivos (consellos para responsables de campamentos, recursos para nais e pais de rapaces en idade escolar, etc) e o cuarto ficará habilitado para dar acubillo aos comunicados oficiais da Consellería de Sanidade e ás subscricións de alta no servizo de alerta por mensaxes de texto no móbil (iniciativa posta en marcha a comezos de xuño co fin de ampliar o alcance da información vinculada ao devandito andazo).

PUBLICIDADE