O Seminario de Lingüística Informática da UVigo lanza a primeira Biblia políglota do galego

luns, 14 de maio do 2018 Redacción

Esta quinta feira (xoves) é o Día das Letras Galegas, e para conmemoralo (e para conmemorar tamén os seus quince anos de andaina), o Seminario de Lingüística Informática (SLI) da Universidade de Vigo vén de presentar unha nova versión do CLUVI, un banco de traducións de libre con acceso a 47 millóns de palabras (entre o galego e outras linguas). Entre as principais novidades desta nova versión atópanse a renovación do seu sistema de consulta e unha profunda ampliación da súa base documental. Ao abeiro desta ampliación lánzase a que sería a primeira Biblia multilingüe dispoñíbel para o galego.
Segundo explica o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Xavier Gómez Guinovart, responsábel dos traballos de creación do CLUVI, “a aplicación de consulta permite, por exemplo, buscar unha palabra e comprobar as súas equivalencias interlingüísticas en contextos reais de tradución, tal como se recollen nos textos orixinais arquivados no CLUVI e nas súas traducións”. Gómez Guinovart tamén fai saber que a nova versión inclúe no seu banco de datos “un importante número de traducións da Biblia”, incluíndo a única existente en galego. Tamén están dispoñíbeis adaptacións a idiomas da nosa contorna cultural inmediata (portugués, francés, inglés, alemán e italiano); como o latín, considerada a primeira tradución da Biblia en lingua vulgar, o resto das linguas cooficiais do estado (catalán, español e éuscaro) e a lingua máis falada do mundo (o chinés).
“Esta Biblia políglota do galego, a primeira da súa especie, resulta de especial significación na constelación de textos do CLUVI, xa que cos seus sete millóns e medio de palabras representa o conxunto de documentos de maior extensión textual recollido até o de agora no seu banco de traducións”, explica Gómez Guinovart, salientando igualmente a relevancia “de podermos realizar pescudas informáticas na Biblia galega políglota no ámbito da tradutoloxía e dos estudos culturais, e a relevancia que posúe a súa tradución vernácula como índice da normalización lingüística dun idioma”, recalca o docente.
No que atinxe ás novidades nas funcionalidades de consulta do CLUVI, unha das máis salientábeis é a incorporación ao sistema dun dicionario plurilingüe, que permite identificar nas traducións as palabras equivalentes aos termos da procura. A equipa do grupo SLI destaca que con esta nova característica, as prestacións do CLUVI achéganse moito ás ofrecidas por recursos como a aplicación de balde Linguee para outros idiomas, entre os que non se atopa o galego. “Por esta razón, o novo CLUVI pode considerarse o Linguee do galego, pois é quen de fornecer palabras e frases equivalentes entre o galego e moitas outras linguas, mesmo minorizadas, unha funcionalidade da que carece o Linguee que todos usamos”, explica Gómez Guinovart.
Xunto á renovación do seu motor de consulta, engade, “o novo portal presenta unha completa actualización da súa interface, cunha presentación moito máis sinxela e completamente respectuosa cos dispositivos móbiles, que tenta ofrecer unha experiencia de uso igualmente agradable nas pantallas grandes e nas pequenas”.
Sinalar a maiores que o CLUVI dispón de combinacións lingüísticas co galego, español, inglés, francés, portugués (de Brasil e de Portugal), catalán, italiano, éuscaro, alemán, latín e chinés (simplificado e tradicional) e as traducións incluídas pertencen a nove dominios especializados: ficción, informática, divulgación científica, textos bíblicos, dereito e administración pública, información ao consumo, economía, turismo e subtitulación.

PUBLICIDADE