O SdeA da Deputación de Lugo e o Interlucus reafírmanse como factorías de talentos

venres, 17 de xaneiro do 2020 Redacción

O Servizo de Audiovisuais da Deputación (a antiga Fundación TIC) emitiu en directo a través da rede social Youtube o concurso Lucus Intercentros celebrado este venres no IES Muralla Romana. Na experiencia oficiaron de creadoras/es de contidos unha ducia de alumnas e alumnos do Centro de Formación do SdeA, pertencente á Deputación de Lugo, que contaron coa supervisión de docentes e técnicos do SdeA. O alumnado encargouse de realizar o streaming do evento, no que competiron estudantes de primeiro de Bacharelato dos sete institutos da capital lucense.
Na cita (a novena edición do dito certame) participou tamén o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera. O concurso saldouse co equipo do IES Sanxillao proclamándose gañador. O segundo posto foi para o IES Leiras Pulpeiro tras unha disputada final. En terceiro lugar quedou o IES Lucus Augusti e o IES Xoán Montes foi cuarto. Repartíronse tabletas, pulseiras de actividade e altofalantes bluetooth.
Prácticas en escenarios reais
Na realización do streaming os alumnos e alumnas do SdeA empregaron catro cámaras e todo o material preciso para a transmisión do evento a través de Internet. Segundo informaron fontes da Deputación e do Servizo de Audiovisuais, os estudantes rotaron polos distintos postos, desde realizador e mesturador de vídeo e son, ata operador de cámara, co obxectivo de aproveitar ao máximo esta práctica formativa.
A entidade provincial tamén destacou a vertente de formación avanzada e aplicada que puxo en xogo a experiencia, xa que serviu de actividade profesional práctica para os estudantes de Administración e Xestión do Muralla Romana. O concurso consiste nunha rolda de preguntas e respostas sobre contidos propios de 1º de BAC, no que compiten equipos formados por tres alumnos (hai dez bloques sobre distintas materias, que van desde a actualidade económica, política e social, ata a arte o deporte ou a xeografía). Ademais do SdeA tamén colaboraron o CIFP Politécnico e a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón.

PUBLICIDADE