O Samsung Galaxy Note7 non se venderá en Europa até finais de novembro

venres, 23 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Os problemas descubertos nas baterías defectuosas dos Samsung Galaxy Note7 chegaron incluso a bloquear a distribución dos novos smartphones antes da súa posta á venda oficial en España, de xeito que é moi reducido o número de españois que puido gozar deste completo terminal, e agora que estiman que a metade dos usuarios que devolveron o seu Note7 xa recibiu outro terminal novo sen problemas de batería, queda rematar de completar a substitución de todos os dispositivos afectados por outros novos, de aí que a comercialización europea estaría a adiarse de xeito importante, e agora estiman que non veremos o Note7 nas tendas até finais de novembro.
Estímase que Samsung ten que substituír un total de 2,5 millóns de terminais, polo que están nun proceso bastante complexo que xustifica o adiamento da distribución de novas unidades no mercado libre, e aínda que en Corea do Sur xa contará co Note7 nas tendas o 28 de setembro, e as vendas en Australia e Singapur tamén van retomarse en outubro, en Europa teriamos que agardar a novembro, o que permitirá que os consumidores poidan adquirir o novo teléfono cunha maior seguridade.
Os usuarios europeos que recibiron un Note7 por telo reservado están a recibir esta semana unha actualización do seu software que limita a carga da batería até o 80%, medida que quere reducir os riscos de incendio, para que os usuarios poidan continuar a empregar o seu dispositivo mentres esperan pola unidade de substitución.

PUBLICIDADE