O Samsung Galaxy Fold podería saír á venda en xuño

mércores, 24 de abril do 2019 Marcus Fernández

O anuncio do adiamento do lanzamento do Samsung Galaxy Fold coloca unha grande incógnita sobre os smartphones con pantalla encartable, pero parece haber confianza en que os problemas coas pantallas flexibles están en vías de solución, xa que AT&T está a enviar aos usuarios que reservaron un Galaxy Fold unha mensaxe consultando se aceptan recibir o produto o 13 de xuño.
A nova data non tería sido confirmada oficialmente por Samsung, pero de manterse indicaría que identificaron os problemas detectados nas pantallas do Galaxy Fold e estarían en vías de solucionalos, o que sería unha boa nova para un novo segmento de produtos que precisa comezar con paso firme para manterse no mercado o tempo suficiente como para madurar e converterse en produtos sólidos e a prezos accesibles.
Dende iFixit tamén despezaron un Samsung Galaxy Fold, detectando na súa desmontaxe certos puntos febles que non parecen doados de solucionar, xa que en boa medida son os que permiten que a pantalla do terminal poida encartarse. Temos así que apostar por este tipo de produto é un risco que hai que asumir para comprobar se esta tecnoloxía está lista para o mercado de consumo, xa que as probas de laboratorio non son dabondo, e este tipo de trebellos precisan de certa evolución progresiva (para o que algún dispositivo ten que dar o primeiro paso).

PUBLICIDADE