O Samsung GALAXY S 4 vai camiño dos 10 millóns de unidades vendidas

luns, 20 de maio do 2013 Marcus Fernández

O co director xeral de Samsung Electronics, J.K. Shin, asegurou á prensa que esperan que o Samsung GALAXY S4 supere os 10 millóns de unidades vendidas esta mesma semana, xa que o novo móbil insignia da compañía está a vender moito máis rápido que o Samsung GALAXY S3, que tardara 50 días en superar tal barreira, e co novo modelo reduciría o tal tempo a menos dun mes, conseguindo manter a súa aceleración, algo que parecía moi complicado, posto que non é sustentable que cada modelo de smartphone venda sempre moito máis que o anterior.
Estas rápidas vendas dos GALAXY S4 responderían tanto ás agresivas campañas publicitarias de Samsung como ao fortalecemento da súa distribución, pois o móbil que comezou a venderse en Corea do Sur o pasado 26 de abril xa está dispoñible en 60 países diferentes, conseguindo así unhas vendas iniciais moi importantes. Non sorprende así que dende a firma de análises de mercado Strategy Analytics aseguren que Samsung acapara xa o 95% dos beneficios que xera Android, conseguindo máis ingresos de tal plataforma que o seu promotor, Google.

PUBLICIDADE