O SXG critica a decisión de pechar Xornal.com, malia ser "un proxecto viábel"

mércores, 21 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

Tal e como avanzamos, Xornal.com, o último que quedaba de Xornal (logo de que esmorecese a edición en papel), ten os meses contados. Entre as razóns que o medio galego esgrime como decisivas para o peche atópase a da falta de viabilidade económica do proxecto. Pois ben, segundo fai saber o Sindicato de Xornalista de Galicia, especialmente preocupado polo futuro das 40 persoas que van ficar na rúa, a empresa, propiedade da construtora San José, si que ten recursos de abondo como para seguir cara adiante.
O Sindicato, que critica duramente as formas que se adoptaron para dar o coñecer estes feitos (din que sen negociación previa algunha cos traballadores), achácalle á empresa propietaria de Xornal que “incumprise a súa palabra, dada logo do peche da edición en papel, acontecido en agosto, e que aseguraba un reforzamento da edición dixital”. Ao seu xuízo, non pode ser que agora se lle queira botar o peche, antes de fin de ano. En definitiva, o SXG sostén que Xornal.com é unha cabeceira viábel, que mesmo operou durante moitos anos antes do lanzamento da edición impresa. E continúa: “Os niveis de audiencia e ingresos publicitarios de Xornal.com abondan para o mantemento de moitos postos de traballo incluso no contexto da actual de crise; especialmente para un grupo, San José, que presume de ser unha das maiores construtoras de Europa”.

PUBLICIDADE