O SERGAS permitirá a inscrición en liña nas listaxes de contratación temporal

martes, 27 de setembro do 2011 Redacción

Nas vindeiras semanas a Consellería de Sanidade procederá a facilitar, a través do expediente electrónico do profesional, a primeira inscrición en listas de contratación temporal no Servizo Galego de Saúde. A convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia, para as seguintes categorías sanitarias de formación profesional de grao superior: anatomía patolóxica e citoloxía; radioterapia; hixiene bucodental; imaxe para o diagnóstico; e laboratorio de diagnóstico clínico.
O departamento que dirixe Pilar Farjas Abadía dispón de 28 unidades con funcións de información e validación dos méritos, con máis de 140 persoas de apoio. Ademais, os aspirantes poden utilizar os equipos informáticos postos á súa disposición en todos os centros do SERGAS.
O acceso ao proceso realizarase dende o apartado FIDES/expedient-e (expediente profesional, procesos). As persoas interesadas poden ir dándose de alta no sistema, e, en canto sexa publicada a convocatoria, cubrir a inscrición que se habilitará no sitio correspondente. Asemade, está creado un enderezo de correo electrónico específico sobre este sistema, que xa recibiu 1.500 consultas.
O expediente electrónico posibilitará integrar toda a información relativa ao currículo dos aspirantes e profesionais, e suporá que sexa a última vez que se entreguen os documentos acreditativos de méritos para todos os procesos de persoal.

PUBLICIDADE