O SERGAS estrea unha aplicación móbil para guiar aos pacientes no interior dos centros hospitalarios

martes, 3 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

O Servizo Galego de Saúde vén de poñer en marcha SIGUE (Sistema Intelixente de Xeolocalización de Usuarios en Edificios), un sistema pioneiro para a localización e guiado de pacientes no interior de varios dos seus centros, de xeito que, a través dunha aplicación móbil dispoñible de balde na App Store e en Google Play, os pacientes poderán orientarse dentro do Hospital Lucus Augusti e do Hospital Álvaro Cunqueiro do mesmo xeito que habitualmente se utiliza en exteriores mediante o sistema GPS.
A aplicación permite ofrecer un servizo de localización no interior de edificios onde non existe cobertura de GPS, contando cunha marxe de erro inferior a 1 metro, o que en combinación coa consulta de citas programadas no sistema público de saúde, tanto en hospitais como en centros de saúde, convértese nunha ferramenta de grande utilidade.
Ademais, ao sistema téñenselle incorporado funcionalidades como a asignación das quendas de consulta mediante a propia aplicación móbil, unha vez que o paciente estea no centro (xunto co guiado ata a sala de espera correspondente), sen necesidade de empregar os quioscos habilitados para isto nin de acudir aos mostradores de cita.
Tamén inclúe a proposta de rutas no exterior ata o centro en que está programada a cita médica; a suxestión de rutas internas ata o punto público do hospital que se elixa; información sobre servizos non sanitarios do edificio (cafetería, prensa, etc.) e da súa contorna; e a comunicación dunha posición dentro do centro a outros usuarios da aplicación móbil que figuren como contactos.
Para o funcionamento desta aplicación móbil tense creado un sistema de cartografía de edificios para incorporar os mapas internos dos centros nos que funciona o sistema de guiado. Así mesmo, permitirá utilizar realidade aumentada para orientarse, tanto en exteriores como en interiores.
Nos vindeiros meses está previsto que o sistema se estenda ao Hospital Comarcal de Verín, a unha vintena de centros de saúde correspondentes á Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Ourense e ao edificio administrativo da Consellería de Sanidade e do Sergas, en Santiago.

PUBLICIDADE