O Proxecto Trasno obtén os parabéns do observatorio de software libre da Comisión Europea

mércores, 4 de decembro do 2013 Fernando Sarasketa

En Código Cero xa levamos tempo salientando o importante labor desenvolvido polos membros a comunidade Proxecto Trasno, pero nunca está de máis que sexan importantes organismos internacionais e independentes os que valoren o traballo deste colectivo a prol da divulgación do software libre na nosa terra e máis da tradución ao galego de incontábeis recursos abertos de valor. Sen ir máis lonxe, Trasno rematou novembro recibindo os parabéns do Observatorio Europeo de Código Aberto, Osor.eu, que felicitar ao Proxecto Trasno pola recente publicación da última versión do corrector ortográfico Hunspell para o galego, que como fixemos saber recentemente dende esta web recibiu o código 13.10 Padre Sobreira.
Segundo apuntan dende Osor.eu, está fóra de toda dúbida o importante traballo despregado por Trasno achegando alternativas ao software propietario na contorna na que se insire, a da nosa terra e os seus usuarios TIC, e a publicación da dita ferramenta lingüística é exemplo perfecto disto. Para o observatorio da Comisión Europea, o Proxecto Trasno “está a desafiar o apoio do Goberno a un corrector ortográfico propietario que só pode ser empregado dende unha suite ofimática privativa, e todo feito dende unha organización sen arela de lucro integrada por lingüistas e investigadores voluntarios que están a engadir capacidades de ortografía galega a Hunspell, o corrector ortográfico de código aberto”. Este corrector ortográfico do que fala o Observatorio e que Trasno “desafía” non é outro que Galgo, arestora en proceso de liberación pero, sinala a entidade europea, “unicamente utilizábel en combinación con suites ofimáticas ubicuas dispoñíbeis só para sistemas operativos propietarios”.

PUBLICIDADE