O Proxecto Socheo para dixitalizar as nosas gravacións en VHS leva máis de 50 pezas ao YouTube

venres, 9 de novembro do 2012 Redacción

A profesora Isabel Martínez e o director Xurxo Chirro, na sede da antiga televisión local de A GuardaCoa chegada de novos formatos audiovisuais, o VHS vai ficando cada vez máis esquecido por todos sendo o seu destino final o último andel de calquera moble ou mesmo o balde do lixo. Coa vontade de recuperar o VHS e outorgarlle o valor merecido, nace no concello da Guarda unha iniciativa da que xa temos falado nesta web, o Proxecto Socheo, unha proposta colectiva de dixitalización para salvagardar imaxes caseiras de veciños da vila e, ao tempo, crear un arquivo audiovisual dispoñíbel nas redes que recupere a memoria histórica abranguida dende o ano 1960 até o 2000, habendo espazo para algunha xoia visual coma unhas imaxes de 1920 rodadas por Carlos Velo en A Guarda e fragmentos de películas, como La hora Bruja, tamén ambientadas na zona.
O Proxecto Socheo é unha iniciativa persoal de cinco profesionais do audiovisual nados na Guarda que quixeron conservar estas lembranzas e darlles o valor documental requirido para logo dixitalizalas, clasificalas e penduralas no YouTube, co gallo de compartilas. Os responsables desta idea son: Xurxo Chirro, Gustavo González, Luís Cividanes, Daniel González e Isabel Martínez, profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
Cómpre dicir que a idea foi moi ben acollida, pois logrou tal aceptación entre a veciñanza que tras uns meses de vida xa lograron recompilar, dixitalizar, catalogar e pendurar na rede 54 vídeos. Como curiosidade -comenta Isabel Martínez- “o vídeo que máis visitas tivo foi un que data de 1987 cando nevou en A Guarda por primeira vez”.
Advirten que non existe límite temporal e que calquera pode colaborar no proxecto a través do correo proxectosocheo@gmail.com.
Aqueles interesados no Proxecto Socheo terán a oportunidade de achegarse este venres día 9 até o festival compostelán de cine independente Cineuropa, onde se fará unha presentación pública do proxecto. Exporán a iniciativa así como varios exemplos dos traballos recompilados, entre eles a videobitácora Vídeo Fox, que narra a vida do barco de pesca Tania María dedicado á captura preto das Azores.

PUBLICIDADE