O Proxecto Nós centra este luns unha xornada en aberto no Edificio Fontán

luns, 23 de maio do 2022 S. P.

A Xunta e a Universidade de Santiago organizan este luns 23 de maio unha xornada aberta ao redor do Proxecto Nós de Intelixencia Artificial ao servizo da lingua galega, a iniciativa na que están a traballar as dúas entidades para “acadar a total inclusión do galego no mundo dixital e tecnolóxico”. A cita ten formato aberto e poden participar nela cidadáns en xeral, universidades, empresas e administracións públicas.
O encontro comeza ás 9,00 horas no Edificio Fontán da Cidade da Cultura e conta cunha mesa redonda e varios relatorios. Na inauguración inverteñen o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; o reitor da USC, Antonio López; a directora da Oficina de Apoio Estratéxico e Planificación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), María Bobillo, e a comisionada especial para a Alianza pola Nova Economía da Lingua, Cristina Gallach.
Durante a xornada daranse as claves do Proxecto Nós, unha iniciativa estratéxica na que a Xunta e as universidades están a traballar para “conseguir a presenza do galego en asistentes de voz, subtitulado automático de contidos audiovisuais, apoio ao diagnóstico médico, servizos de teleasistencia avanzada, tramitación administrativa a través de asistentes virtuais, entre outras accións, que garantirán a presenza da lingua galega nas contornas dixitais.”
Tras a presentación celebrarase a mesa redonda que dá comezo ás 9,30 horas, A importancia da tecnoloxía da linguaxe na sociedade e na economía, que estará moderada polo director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), Senén Barro. Participará a comisionada especial para a Alianza pola Nova Economía da Lingua, xunto ao ex-presidente da Sociedade Española para o Procesamento da Linguaxe Natural Manuel Palomar, o director do Instituto da Lingua Galega, Xosé Luis Regueira; a directora da Unidade Text Mining do Barcelona Supercomputing Center, Marta Villegas e o vicedirector do HiTZ (Basque Research Center for Language Technologies), Germán Rigau i Claramunt.
A partir das 11,30 horas celebraranse diversos relatorios sobre a orixe, estado actual e futuro do Proxecto Nós a cargo de varios investigadores que están a traballar desde os centros da USC: o CiTIUS (especializado na investigación das tecnoloxías de información, en concreto nos eidos da aprendizaxe automática, a computación avanzada, a e-saúde, os robots persoais, entre outros ámbitos de traballo) e o Instituto da Lingua Galega, que vén de cumprir medio século de vida investigando en lingüística e filoloxía galegas, así como na tecnoloxía da linguaxe na súa aplicación ao galego.
Con esta xornada informativa séguense a dar pasos no Proxecto Nós, que vén de entrar na súa segunda fase grazas á nova inxección económica de máis de 600.000 euros. O novo acordo permitirá que este ano os investigadores avancen no traballo de campo, deseñen prototipos dos recursos, experimenten cos primeiros demostradores e creen bancos de voz a disposición de toda a cidadanía para facilitar que empresas empreguen o galego nas súas tecnoloxías, entre outras accións.

PUBLICIDADE