O Proxecto Google+ quere contribuír á socialización da Internet

martes, 28 de xuño do 2011 Marcus Fernández

Hoxe presentouse internacionalmente o Proxecto Google+, a nova aposta social de Google que busca modificar o xeito de compartir contidos, comezando por permitir dividir aos nosos contactos en círculos de amizade, de xeito que poderiamos separar dun xeito intuitivo e doado aos novos amigos, aos compañeiros de traballo, á familia… de xeito que non todas as persoas coas que temos relación teñen o mesmo nivel de confianza, procurando trasladar o xeito no que nos relacionamos co resto de persoas no mundo real.
Google+ tamén permite definir intereses, de xeito que facilita compartir artigos, fotografías ou vídeos divertidos por temáticas, o que serve como un motor para compartir contidos e para descubrir cousas que poden ser moi interesantes, facendo posible que sempre teñamos algún contido que consumir a man.
Esta plataforma tamén busca facilitar a organización de quedadas en liña, aproveitando ferramentas como as videoconferencias, para poder xuntarse cando hai dificultades para verse en persoa. Este sistema tamén axudará a atopar ocos nos que quedar cos nosos amigos.
O Android Market xa conta cunha aplicación móbil de Google+, que facilita compartir o que levamos no móbil en calquera momento e lugar, dun xeito tan persoa como permite o GPS, a cámara e a mensaxería, aínda que para poder activar tal aplicación é preciso contar cunha invitación a Google+, pois aínda estamos cun proxecto en probas. A versión móbil de Google+ permite incorporar a ubicación ás nosas comunicacións e facilita a subida instantánea das nosas fotografías el álbums privados que poderemos compartir cando desexemos (de xeito que xa non é preciso subilas en tal momento, pois xa teriamos o traballo medio feito).
Para redondear o produto, Google+ tamén inclúe un sistema de mensaxería en grupo coñecido como HolaHola, que facilita comunicarse coas persoas que teñamos nun mesmo círculo.
Queda agora que vaia incrementándose o reparto de invitacións para poder tirar realmente proveito deste produto, que mentres non estea o debidamente espallado será difícil de avaliar, pois ao ser unha ferramenta social depende principalmente da acollida que lle dea o público.


Vista rápida a Google +

PUBLICIDADE