O Proxecto Dono de solidariedade tecnolóxica beneficiou a máis de 1.600 ONG

mércores, 10 de febreiro do 2010 Fernando Sarasketa

Toca falar de novas tecnoloxías ao servizo da solidariedade. Máis polo miúdo do Proxecto Dono, unha iniciativa que malia a feitura do seu nome non é galega e que consiste en achegas empresariais de produtos de todo tipo (comunicación, xestión, acceso aos datos, etc) ao servizo das organizacións sen arela de lucro. Detrás deste proxecto atópase un bo número de compañías de primeira liña no eido das telecomunicacións e as redes do coñecemento, como por exemplo Cisco, Microsoft, Symantec e Vodafone, sendo o seu obxectivo “cubrir as diferentes necesidades tecnolóxicas das ONG españolas”.
Pois ben, as firmas responsables do proxecto veñen de facer reconto de todo o acadado ao longo dos tres anos de vida de Dono. Así, en número de entidades beneficiadas, sinalan, estaríamos a falar de 1.600 organizacións, chegando a cifra de cartos aforrados en virtude destas doazóns a preto de dez millóns de euros.
Polo que respecta ás solicitudes atendidas, a iniciativa está a piques de deixar atrás o milleiro. Xa en termos máis concretos, dicir que as achegas tecnolóxicas dispensadas ao abeiro de Dono inclúen principalmente trebellos de uso prioritario en calquera organización, trebellos que ao abeiro deste proxecto poden chegar a rebaixas sobre o seu prezo en tenda de até o 96%, o que lles deixaría ás plataformas solidarias unha marxe máis aceptable para levar a cabo o seu labor principal, sinalan os responsables desta actividade social nun comunicado.
O Proxecto Dono está xestionado por Technosite (empresa do Grupo Fundosa, corporación da Fundación ONCE) e conta coa colaboración da ONG TechSoup, responsable da administración do programa de doazóns en todo o mundo (até 32 países).

PUBLICIDADE