O Proxecto ABALAR chegará ao dobre de alumnos o vindeiro curso

xoves, 24 de febreiro do 2011 Redacción

Núñez Feijoo tras o Consello da Xunta de hoxe

O Consello da Xunta celebrado esta mañá aprobou a renovación do Proxecto ABALAR para o curso 2011-2012, ampliando esta iniciativa de xeito que máis de 31.500 alumnos galegos poderán beneficiarse desta estratexia de integración das TIC no sistema educativo galego. O proxecto duplicará as aulas, ao entrar por primeira vez en centros novos e estender a súa área de actuación a 6º de primaria e 2º da ESO (manténdoa en 5º e 1º).
En datas próximas a Consellería sacará a concurso público a subministración do equipamento informático necesario, especificando as características técnicas requiridas para os novos ultraportatiles que se sumarán aos existentes, ata completar a cifra de 31.500.
Grazas a esta nova dotación, o Proxecto ABALAR continúa a medrar en Galicia, ofrecéndolle ao alumnado a oportunidade de se formar no uso das TIC, e no seu aproveitamento como recurso didáctico. Ademais, o ABALAR contribúe a facilitar a colaboración entre todos os membros da comunidade escolar, a través do portal web espazoAbalar, que lles permite ás familias facer un seguimento continuado da vida académica dos seus fillos, así como ter unha comunicación directa cos docentes.
Doutra banda, o proxecto leva adxunto o programa Navega con Rumbo, que ten como obxectivo impartir charlas divulgativas para que os escolares realicen un uso responsable das TIC, e que xa ten chegado a máis de 5.000 estudantes, uns 500 profesores e 300 pais.
Na súa comparecencia en rolda de prensa tras o Consello da Xunta, o presidente Alberto Núñez Feijoo, asegurou que «o vindeiro curso chegaremos ao 15% de todos os alumnos de primaria e secundaria que estudarán con contidos dixitais a través do ordenador financiado con fondos públicos da Xunta de Galicia».


Declaracións do presidente da Xunta tras a renovación do Proxecto ABALAR

PUBLICIDADE