O Proxecto ABALAR chegará a 550 centros educativos e 44.500 alumnos o ano que vén

xoves, 22 de marzo do 2012 Redacción

Na reunión semanal do Goberno galego que tivo lugar esta mañá presentouse un informe que fai balance dos dous anos de aplicación do Proxecto ABALAR nos que chegou a 370 centros educativos e 1.465 aulas, que contan con ordenadores portátiles para o profesorado, ultraportátiles para o alumnado, armarios de carga, encerado dixital interactivo, proxector, rede Wi-Fi e servidores de centro.
Destas dúas primeiras fases beneficiáronse preto de 32.000 alumnas e alumnos, que estudan nas 524 aulas Abalar de primaria e 941 aulas de secundaria; e que se unen aos máis de 15.000 estudantes beneficiados a maiores pola instalación de 782 kits en 645 colexios (que non forman parte do ABALAR), ao abeiro do convenio asinado entre a consellería e Red.es, polo que se instala na clase un encerado dixital interactivo, un proxector e un ordenador portátil conectado a ambos os elementos.

Reunión do Consello da Xunta celebrado hoxe en San Caetano

Deste xeito esta estratexia de integración das TIC no ensino impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria chegará o vindeiro curso a máis de 44.500 alumnos de 550 centros educativos, o que significa un incremento do 40% no número de alumnos beneficiados respecto do presente curso, a través dunha estrutura de máis de 2.000 aulas Abalar en 5º e 6º de primaria e 1º e 2º da ESO.
Doutra banda, acaba de publicarse a convocatoria para a adscrición de centros á rede Abalar o vindeiro curso 2012/2013, en que o proxecto beneficiará arredor de 13.000 estudantes máis. Para iso está prevista a incorporación duns 180 centros educativos ao proxecto, o que suporá 450 novas aulas Abalar en 5o de primaria e 1o da ESO e arredor de 10.000 novos alumnos beneficiados. Ademais os 77 centros integrados no curso 2011/2012 duplicarán as súas aulas Abalar, polo que nestes centros se incorporarán ao proxecto unhas 125 aulas Abalar e arredor de 3.000 alumnas e alumnos.

PUBLICIDADE