O Programa de Voluntariado Dixital contribuirá á alfabetización dixital da cidadanía galega

xoves, 12 de xaneiro do 2012 Redacción

O Programa déuse a coñecer no Consello da Xunta de hoxe

O Goberno galego anunciou no Consello da Xunta de hoxe que vai pór en marcha en 2012 un Programa de Voluntariado Dixital para contribuír á incorporación das TIC á vida cotiá de toda a cidadanía galega, mediante a colaboración e compromiso de persoas voluntarias, co obxectivo de fomentar a inclusión social.
A posta en marcha do Programa de Voluntariado Dixital concíbese como un complemento ás actuacións que está a levar a cabo a Xunta no ámbito da alfabetización dixital, como a formación a través da Rede de Centros para a Modernización e Innovación Tecnolóxica (CeMIT), co obxectivo de achegar as TIC a unha maior porcentaxe da poboación e favorecendo a inclusión dixital de toda a cidadanía. Trátase de evitar que ninguén quede á marxe do avance tecnolóxico xa que é unha forma máis de exclusión social a que hai que facer fronte.
O Programa de Voluntariado Dixital, promovido pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar, articúlase sobre a figura do voluntario dixital, as entidades colaboradoras e empresas que actuarán como mecenas dixitais. Ademais, a rede de voluntarios contará coa infraestrutura e equipamento tecnolóxico da rede de aulas CeMIT, as bibliotecas públicas e outros recursos que poñan á disposición do programa tanto entidades públicas como privadas que se adhiran á esta iniciativa. O programa desenvolverase ao longo de 2012 e dividirase en dúas convocatoria semestrais para que as entidades colaboradoras poidan adherirse ao proxecto.

Núñez Feijoo presidiu o Consello da Xunta desta semana

As entidades colaboradoras e os voluntarios poderán adherirse ao programa unha vez que se faga a convocatoria a través da páxina web Voluntariado Galego. A convocatoria permanecerá aberta durante 1 mes. Para participar no programa as entidades de acción voluntaria deberán estar inscritas no Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria da Xunta de Galicia, Decreto 405/2001, do 29 de novembro.
O Programa de Voluntariado Dixital contará cunha web de seu onde publicarase a información sobre os servizos que ofrece. Esta web será o espazo en que se rexistrarán os voluntarios, as entidades colaboradoras e as empresas que queiran participar como mecenas dixitais na iniciativa.
A Oficina VolDIXITAL, composta polas persoas responsables do programa da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, será a encargada de canalizar a oferta-demanda do programa, canalizando tanto as solicitudes como o labor dos voluntarios e os apoios dixitais que soliciten as entidades de acción voluntaria a través da web do proxecto.
A intención do programa é ofertar un espazo de comunicación entre os axentes implicados na acción voluntaria en Galicia e as persoas voluntarias facilitando o contacto entre eles.

PUBLICIDADE