O Programa TIC Emprende impulsa o uso empresarial das TIC a través dunha serie de obradoiros

luns, 28 de maio do 2012 Redacción

A Consellería de Economía e Industria puxo hoxe en marcha, mediante un obradoiro desenvolvido en Santiago, unha nova edición do Programa TIC Emprende, que ten como obxectivo presentar novas tendencias e oportunidades de negocio para as empresas TIC que contribúan a orientar os seus procesos de innovación e a afianzar o seu posicionamento no mercado.
A Consellería que dirixe Javier Guerra pon en marcha esta nova serie de obradoiros prácticos co obxectivo de contribuír á implantación efectiva de procesos de mellora nas empresas TIC, a través do emprego de novas técnicas e ferramentas de xestión empresarial, que conduzan a súa consolidación e a un incremento significativo da súa competitividade.
A directora de BIC Galicia, Maite Cancelo, deu comezo a este seminario, organizado en colaboración con FEUGA, e salientou a importancia da creación e o desenvolvemento de empresas baseadas nas novas tecnoloxías para asentar unha tendencia de crecemento consolidable no tecido produtivo.
Esta iniciativa formativa diríxese ás empresas do sector TIC, fundamentalmente a PEME e microempresas en fase de consolidación, sendo o seu público obxectivo os empresarios, directivos, responsables de área, técnicos e profesionais. Durante estes obradoiros abordaranse temas de especial relevancia para o sector, tales como as oportunidades de negocio baseadas no software libre e os chamados ecosistemas open, as estratexias avanzadas na internacionalización de empresas TIC, o deseño rápido de novos modelos de negocio ou o TIC branding ou a xestión de marcas no sector TIC.
O primeiro dos obradoiros deste ano desenvolveuse hoxe, 28 de maio, na sede da Fundación Universidade Empresa (FEUGA) en Santiago de Compostela. No vindeiro mes de xuño, o día 20, desenvolverase na Fundación Barrié de la Maza, na Coruña, o encontro TIC Branding, sobre Creación, Desenvolvemento e xestión de marcas no sector TIC. O día 5 de xullo, o taller será sobre Estratexias avanzadas para a internacionalización de empresas TIC, e desenvolverase en Vigo, no CITEXVI. Finalmente, o 25 de setembro será a quenda do obradoiro sobre Deseño rápido de novos modelos de negocio, que volverá a acoller a sede de FEUGA en Santiago.

PUBLICIDADE