O Programa AceleraTIC preséntase o 2 de xuño no Gaiás

martes, 31 de maio do 2016 Marcus Fernández

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) pon en marcha o Programa AceleraTIC, pensa en futuro, actúa en dixital para facilitar a transformación dixital das PEME galegas, que integrado nas actividades do CDTIC, abrangue diferentes xornadas formativas e prácticas e un programa específico para directivos e xerentes de empresas galegas, que se desenvolverá en colaboración coa Escola de Negocios de AFundación.
Todas as PEME interesadas en coñecer a iniciativa están convidadas á xornada inaugural de AceleraTIC que ten lugar este xoves 2 de xuño (no Edificio CINC da Cidade da Cultura) e nela falarase de Novos mercados, novos clientes, novos paradigmas. O encontro contará coa participación de Pablo Foncillas, profesor de Economía Dixital na IESE, que vén de renovar o seu primeiro posto na clasificación mundial de escolas de formación de directivos publicado polo Financial Times. A xornada completarse coa intervención das empresas ABanca, Viñacosteira, Kaleido Logistics e minevera.es, que compartirán cos asistentes a súa experiencia no proceso de dixitalización dos seus negocios.

Programa específico para directivos

A iniciativa contempla o Programa Formativo AceleraTIC para a Transformación Dixital da PEME dirixido a directivos e xerentes de empresas, que a AMTEGA desenvolve en colaboración coa Escola de Negocios AFundación. O obxectivo do programa formativo é contribuír a crear un perfil directivo que manexe o dixital desde un punto de vista estratéxico, isto é, que coñeza o contorno dixital, adquira as habilidades necesarias para entender que valor pode achegar a tecnoloxía ao seu negocio e impulse os cambios necesarios na empresa para unha verdadeira transformación dixital.
O programa comezará o vindeiro 9 de xuño e estenderase ao longo de seis xornadas formativas impartidas por diversos expertos. Trataranse temas como a estratexia de negocio para a nova contorna dixital, o marketing dixital para PEME, o comercio electrónico, o Big Data & Business Intelligence para o control da xestión empresarial, as ferramentas de medición e análise para a estratexia dixital e a transformación e xestión do cambio na organización.
As prazas para participar neste programa formativo son limitadas, polo xa está aberto un proceso de preinscrición que permanecerá aberto ata o luns 6 de xuño.
De entre as solicitudes recibidas a AMTEGA seleccionará a 25 directivos para cada unha das xornadas formativas. Aqueles directivos que completen todas as xornadas formativas, recibirán o título Programa Especializado en Transformación Dixital da Empresa outorgado pola Escola de Negocios Afundación.

PUBLICIDADE