O Premio Gradiant 2015 distingue o labor de Alberto Rico a prol da eficiencia das redes sen fíos

luns, 28 de setembro do 2015 Redacción

Entre os recoñecementos entregados estes venres na XX edición da Noite das Telecomunicacións de Galicia (organizada polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia) figura o Premio Gradiant á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC 2015, outorgado polo propio COETG-AETG. Esta distinción recaeu en Alberto Rico Alvariño polo seu traballo Cognitive and signal processing techniques for improved spectrum exploitation in wireless communications. Como lembraremos, a tese premiada expón técnicas que incrementan a eficiencia das redes sen fíos e achega solucións ao problema de reutilización do espectro radioeléctrico, que ten un impacto fundamental no desenvolvemento socioeconómico. Unha mostra da súa aplicabilidade é que os resultados desenvolvidos foron licenciados para o uso da Axencia Espacial Europea nos seus proxectos e estándares.
Segundo informa Gradiant reflectindo informacións do autor do traballo, a tese en cuestión demostra que é “posíbel incrementar a eficiencia nas redes sen fíos” e todo isto a través do estudo de diferentes redes, “por exemplo redes de próxima xeración Wi-Fi, redes celulares, redes de Televisión Dixital Terrestre, e mesmo redes de comunicación por satélite móbil”.
Respecto das técnicas a empregar, a investigación emprázanos para tirar partido de diferentes técnicas baseadas en procesado de sinais, en intelixencia artificial, “para tratar de incrementar a velocidade coa que estas redes transmiten información”. No que atinxe ás aplicacións que poden ter as importantes achegas propostas no seu traballo de investigación, Alberto Rico apunta a que podería permitir o acceso en zonas rurais para fogares afastados, ou para barcos navegando en alta mar. “Permitiríalles acceder a unha conexión a Internet cun custo moito menor ó que teñen hoxe en día”, explica, ao que engade que tamén poderían aplicarse a súas propostas a contornas onde haxa moita densidade de usuarios da Rede, como podería ser un estadio de fútbol ou un centro de congresos e exposicións. “Nestes casos”, sinala, “o que adoita acontecer é que as redes se colapsan, e coas técnicas que se presentan na tese poderíase servir a todos os usuarios de forma simultánea, desta forma non se colapsarían as redes”.

PUBLICIDADE