O Premio Fonseca da USC recae este ano no naturalista Sir David Attenborough

martes, 6 de abril do 2010 Raquel Noya

O xurado da III edición do Premio Fonseca de divulgación científica, reunido hoxe na capital galega, decidiu concederlle o galardón ao naturalista britnánico Sir David Attenborough, polo seu labor de divulgación do impacto da sociedade humana sobre o mundo natural.
Attenborough, nacido en Londres en maio de 1926, é o creador de recoñecidos documentais de TV sobre a natureza, e escribiu nas galardoadas series denominadas Life, as cales comezan coa triloxía, Life on Heart, The Living Planet e The Trials of Life, nas que examina ao detalle, non só os organismos vivos existentes na terra dende diferentes puntos de vista, senón que elabora de forma visual unha clasificación taxonómica e ecolóxica en diferentes estados da vida.
A estas producións iniciais seguíronlles outros programas máis especializados, como Life in the Freezer (sobre a Antártida; 1993), The Private Life of Plants (A vida privada das plantas, en 1995), The Life of Birds (A vida das aves, en1998), The Life of Mammals (A vida dos mamíferos, en 2002), e Life in the Undergrowth (2005), que trata en exclusiva de invertebrados terrestres. O máis recente é Life in Cold Blood (A vida a sangue frío, 2008), un monográfico sobre réptiles e anfibios, gañador do BAFTA TV Award 2009 na categoría Best Specialist Factual.
O Consorcio de Santiago, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, conscientes da importancia da transferencia do coñecemento e da culturización científica da sociedade, acordaron crear, alá polo ano 2006, o programa ConCiencia, para convidar ás principais mentes do panorama internacional a transmitirlle as súas ideas aos habitantes dunha cidade “símbolo da cultura e o coñecemento”.
Ao abeiro deste programa, naceu posteriormente o Premio Fonseca de divulgación científica, que tiña como finalidade incentivar a transmisión deste saber ao gran público, e que este ano, o terceiro consecutivo, recaeu no británico Sir David Attenborough.
O director da revista e web de novas tecnoloxías Código Cero, Xosé María Fernández Pazos, foi un dos membros do xurado desta terceira edición do Premio Fonseca da USC, que ten como coordinador ao físico e profesor da Universidade da cidade, Jorge Mira.

PUBLICIDADE