O Portal da Lingua achega as aventuras de Os Bolechas á poboación infantil xorda

venres, 21 de maio do 2021 S. P.

A Xunta de Galicia (a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística) e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) impulsan o proxecto Os Bolechas. A lingua de signos, que se dirixe a posibilitar que as nenas e nenos con xordeira poidan desfrutar das aventuras da dita serie animada.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da FAXPG, Iker Sertucha, presentaron esta semana, na sede da devandita asociación, os materiais que configuran o proxecto: unha guía e 46 pezas audiovisuais das series infantís dos Bolechas con subtítulos e tradución a lingua de signos. Estes materiais, froito da colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidades e a FAXPG, están dispoñíbeis no Portal da Lingua Galega, a web impulsada por Política Lingüística.
O secretario xeral comentou que “estes vídeos en lingua de signos supoñen un pasiño máis no acceso dos nenos e nenas xordos de Galicia aos contidos audiovisuais, o que se traduce nun avance no camiño da mellora da calidade de vida e da igualdade de oportunidades”.
Con respecto á guía didáctica, Valentín García salientou a importancia de que todos os cativos e cativas galegos saiban que é a lingua de signos e mesmo que aprendan algunhas palabras que permitan un maior achegamento de toda a sociedade á comunidade de persoas xordas, “porque o coñecemento e o respecto do idioma do outro é unha garantía de entendemento e convivencia”.
Os materiais presentados inclúen 46 pezas audiovisuais a disposición na canle de YouTube de Lingua da Xunta. Delas, 42 son capítulos da coñecida serie de monicreques Os Bolechas, emitida pola TVG, dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 9 anos, nos que se abordan con humor pequenos problemas cotiáns próximos ás experiencias dos cativos e cativas galegos.
Os devanditos audiovisuais complétanse con catro capítulos da serie Os Bolechas. As miñas primeiras Letras Galegas, os dedicados a Carlos Casares, Ánxel Fole, Manuel Murguía e Álvaro Cunqueiro. Todos eles contan desde agora con subtítulos en galego e tradución a lingua de signos.
Ademais, o Portal da Lingua Galega publica unha guía didáctica de 13 páxinas dirixida aos máis pequenos de cada casa onde Os Bolechas explican con texto e moitas imaxes que é a lingua de signos e cales son os signos empregados para a comunicación básica: saúdos, nomes de parentesco (mamá, avó...), de animais domésticos, cores...

PUBLICIDADE