O Portal Retorna asesorará aos galegos do exterior de cara á súa volta

luns, 4 de marzo do 2019 Redacción

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado pola directora da AMTEGA, Mar Pereira, e o dinamizador de GaliciaAberta, Javier Rodríguez Siaba, vén de presentar o Portal Retorna, enmarcado na web da Secretaría Xeral da Emigración, e que ofrece unha canle única tanto de información e asesoramento como de contacto coa Administración autonómica galega. O obxectivo desta iniciativa, que entrou en funcionamento esta mesma mañá, é servir de enlace directo entre o departamento do Goberno galego e os milleiros de galegos que residen no exterior e que están decidindo se regresar á súa terra de orixe.
«O Portal Retorna xa non se trata só dun xeito máis de comunicación coa diáspora e os retornados, senón dunha ferramenta que hoxe é xa imprescindible para todos os galegos do exterior, tanto para aqueles que están pensando en volver a Galicia como para aqueles que xa tomaron esta decisión e se atopan xa na nosa comunidade», sinalou Miranda, quen engadiu que »son cada día máis os galegos que regresar á Galicia territorial desde todas as partes do mundo; algúns deles están familiarizados coa Administración e a sociedade galega, pero hai outros moitos que precisan dunha guía sobre como asentarse na súa terra de orixe. A finalidade deste sitio web é comezar o proceso de acompañamento a cada un deles desde o seu lugar de procedencia, estea no punto do planeta no que estea».

Unha Administración aberta e accesible

A directora da AMTEGA, pola súa banda, sinalou que posta en marcha do portal Retorna enmárcase no actual proceso de transformación dixital da Administración pública para convertela nunha administración aberta e accesible as 24 horas os 365 día do ano e sen barreiras físicas ou temporais. Pereira incidiu en que non se trata só de incrementar os servizos dixitais senón tamén de facilitar o seu acceso e de aí a importancia de concentrar nunha mesma canle toda a información vinculada a un colectivo, neste caso á do emigrantes.
A responsable autonómica destacou tamén que importancia deste colectivo neste proceso de dixitalización recóllese na futura lei de Administración dixital de Galicia, actualmente en tramitación e na que se recolle expresamente a obriga de aos galegos e galegas o acceso por medios electrónicos aos servizos públicos dixitais que lles sexan de aplicación.

Contacto directo e acceso á sede electrónica

O Portal Retorna permite ao usuario navegar por as máis de medio centro de medidas recollidas na Estratexia Retorna 2020 para obter a información que precise e acceder no mesmo proceso e cun só clic á solicitude das axudas que estean dispoñibles nese momento por vía telemática e se axusten ás súas necesidades a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia. O formato dixital logra, ademais, eliminar as barreiras xeográficas e temporais que separan o Goberno galego da poboación do resto de países do mundo grazas a dúas ferramentas clave como son a caixa de correo de consultas e a solicitude de cita previa a través de Internet. Unha terceira canle de contacto coa Secretaría Xeral da Emigración é a telefónica, tamén dispoñible neste novo sitio web.

PUBLICIDADE