O Polo Aeroespacial 2025 virá con axudas para a internacionalización das empresas galegas do sector

venres, 9 de xullo do 2021 S. P.

Conde, á dereita, na inauguración de UNVEX nunha imaxe de El Correo Gallego

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, participou na mañá deste 9 de xullo nas demostracións que se están a levar a cabo no aeródromo das Rozas, con motivo do evento UNVEX 2021 que comezou antonte. Na súa intervención Conde fixo saber que no marco do Polo Aeroespacial de Galicia 2025, a Xunta inclúe axudas para a internacionalización das empresas galegas vinculadas a este sector industrial.
Conde tamén lembrou que será ao longo deste mes de xullo cando se faga pública a licitación para os novos socios estratéxicos e tecnolóxicos que queiran participar no Polo, cun orzamento inicial de 40M€ a través dos que se prevé asinar entre catro e oitos acordos de asociación.
Entre as novidades, o conselleiro salientou o obxectivo de atraer outros fondos públicos para o desenvolvemento de proxectos de I+D e, tamén, que se vai pór o foco na xeración de pegada industrial para que as pemes poidan incorporarse ás cadeas de valor das grandes empresas tractoras.
Ademais, dixo, no marco do Polo Aeroespacial 2025 introduciranse mecanismos para facilitar o desenvolvemento industrial e a comercialización internacional de produtos e tecnoloxías desenvolvidas polo sector aeroespacial da nosa terra. “Deste xeito”, dixo, “crearase un marco de axudas para a internacionalización das empresas galegas deste ámbito que incluirán financiamento para exportacións, misións comerciais, atracción de investimento e creación de novos mercados”.
Como dixemos, Conde presenciou diversas exhibicións de vehículos aéreos non tripulados abeirados ao desenvolvemento de UNVEX, no aeródromo das Rozas. Nas demostracións participaron Indra –con Mantis EQF para misións de intelixencia, vixilancia, adquisición de obxectivos e recoñecementos e o Targus, o maior dron non tripulado de uso civil de España–, o Centro Tecnolóxico Gradiant –co sistema C-UAV para a protección de persoas e infraestruturas das ameazas fronte actividades ilegais dos drons–; a empresa Sistem –co sistema Fulmar View que xa conseguiu os primeiros contratos para o control do tráfico–; a firma ourensá Aerocamaras –con Aerohyb Hexa, de uso na industria, agricultura, enerxías, rescate e emerxencias, así como no sector audiovisual–; e UAV Work –que está desenvolvendo, no marco da BFAero, avións de despegue vertical para patrullaxe ou transporte de pequenas mercadorías.

PUBLICIDADE