O Plan de Inclusión Dixital xa permite ás entidades e profesionais TIC convertérense en “aliados dixitais”

venres, 29 de abril do 2016 Redacción

O Plan de Inclusión Dixital en Galicia, cuxos bloques de acción avanzamos o pasado 21 de abril con motivo da súa presentación, xa está en marcha e dando pasos cara a consecución dun dos seus principais obxectivos: combater a fenda tecnolóxica na nosa terra. Segundo puidemos saber, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este 29 de abril unha resolución da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) pola que se regula a adhesión de “aliados dixitais“ ao Plan de Inclusión Dixital en Galicia, que desenvolve, precisamente, a dita axencia. Segundo informa o organismo galego que dirixe Mar Pereira, poderá ser “aliado dixital” calquera entidade ou profesional do ecosistema dixital que “teña interese en participar no desenvolvemento da sociedade dixital en Galicia contribuíndo á mellora da inclusión dixital”.
Para formalizar a adhesión como aliado dixital, indica a axencia, “só será necesario cumprimentar o procedemento telemático dispoñíbel dende hoxe mesmo na sede electrónica da Xunta de Galicia e acompañar a documentación que se require”.
Os axentes interesados en participar nesta fronte colectiva contra a fenda dixital (a través da organización de actividades formativas, conferencias e seminarios de alfabetización, capacitación dixital e innovacións social dixital, a cesión de contidos dixitais e espazos físicos, a posta en marcha de proxectos de inclusión dixital, etc) poderán facelo na categoría de “entidade colaboradora”, “mecenas dixital”, “referente dixital”, “mentor dixital” ou “voluntario/a dixital”.
No caso das entidades que actualmente colaboran coa Rede CeMIT ou co Programa de Voluntariado Dixital integraranse coma “aliados dixitais” de forma automática, sinala AMTEGA, engadindo que deste xeito seguirán a darlle continuidade aos labores arestora en marcha, e só terán que cumprimentar no formulario de solicitude electrónico os datos de identificación da entidade, a categoría de “aliado dixital”, as liñas de interese e a memoria das actividades a realizar, antes do 30 de maio.
Como lembraremos, o Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 foi aprobado no Consello da Xunta do pasado 21 de abril e ofrece á sociedade galega “un servizo integral de dixitalización que abrangue desde as accións para a alfabetización dixital até aquelas que permitan a calquera persoa, con independencia do nivel de formación dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC”. Para acadar este obxectivo o Plan establece actuacións en 3 grandes eixos estratéxicos: a alfabetización dixital, a capacitación dixital e a innovación social dixital e participativa.

PUBLICIDADE