O Plan de Banda Larga, distinguido pola revista Actualidade Económica

venres, 27 de xuño do 2014 Redacción

A publicación Actualidade Económica vén de conceder ao Plan de Banda Larga o Premio á Mellor Iniciativa Pública da Comunidade. O recoñecemento fíxose visíbel este xoves 26, coa entrega oficial do galardón á directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, no marco dos Premios Empresariais Galicia 2014 que convocou a dita revista, unha cita bianual que distingue as mellores iniciativas empresariais e públicas de cada Comunidade. A publicación quixo salientar con este recoñecemento “o esforzo da Administración autonómica para acadar unha Galicia conectada”.
A entrega da distinción acompañouse e sustentouse sobre o seguinte dato: “En tres anos o Plan incrementou a porcentaxe de poboación con acceso a internet do 71% ao 97%, a día de hoxe”. Lembrar que o Plan de Banda Larga está a ser desenvolvido por AMTEGA en colaboración cos operadores R e Telefónica e Iberbanda. Segundo fai saber a Axencia, “xa facilitou o acceso a Internet a máis de 700.000 habitantes dos 786.000 que carecían deste servizo en 2010, e o 3% restante dispón de cobertura de Internet vía satélite, que está destinada ás zonas da Comunidade máis illadas, dispersas e de orografía complicada, onde o acceso a Internet só é posible a través desta tecnoloxía”. Amais disto, outra das finalidades do Plan era acadar que máis da metade dos galegos tivésemos acceso ás redes NGA de nova xeración, que achegan velocidades de 100 Mpbs, un obxectivo que se cumpriu, sinala AMTEGA, a finais de 2013 (1,4 millóns de galegas e galegos conectados a esta tecnoloxía e “cumprindo con dous anos de adianto o obxectivo para 2015 da Axenda Dixital para España”.

PUBLICIDADE