O Plan ÚNICO leva banda larga a máis de 7.000 veciños da comarca de Ourense

martes, 28 de marzo do 2023 S. P.

O subdelegado do Gobierno en Ourense, Emilio González, presentou os datos do Plan ÚNICO-Banda Larga nos concellos de Ourense e a súa comarca. Segundo fixo saber, este plan “permitiu que concellos como Pereiro de Aguiar ou Coles pasasen nos dous últimos anos de non ter implantación de Internet ultrarrápida a que esta chegue a máis da metade dos seus habitantes ou que no caso de Ourense, chegase practicamente ao 100% da súa dixitalización”.
González sinalou que este investimento levará internet de banda larga a “máis de 7.000 veciños e veciños da comarca de Ourense mellorando a conectividade en 1.290 núcleos de poboación de toda a bisbarra rompendo a fenda dixital que existe na actualidade”.
Así o manifestou ese luns 27 de marzo nun encontro mantido no salón de actos do Arquivo Histórico Provincial de Ourense.
Ata alí desprazouse xunto ao xefe de inspección de Telecomunicacións da provincia, Enrique Sanmartín, quen informou aos alcaldes e representantes institucionais dos doce municipios da comarca (Ourense, Barbadás, Amoeiro, Vilamarín, Esgos, Taboadela, San Cibrao das Viñas, Nogueira de Ramuín, Pereiro de Aguiar, Coles, A Peroxa e Toén) do estado de cumprimento do plan situando os concellos da comarca como unha zona de “gran conectividade” e poñendo en valor esta aposta do Gobierno central por “cumprir cos obxectivos do reto demográfico”.
Durante o acto aproveitouse para que o novo operador encargado da implantación do servizo na provincia, representantes da empresa de telefonía Avatel Telecom, quen recolle a testemuña de Telefónica, expoñan a súa proposta aos alcaldes e alcaldesas para que estes poidan resolver dun modo máis áxil os trámites necesarios para a extensión da liña.
José Manuel González, directo de extensión na Zona Norte de Avatel Telecom, puxo en valor a implicación de Avatel como “unha operadora que mira cara ao rural e que valora a implantación do Plan ÚNICO do Gobierno como un obxectivo común de ambas as entidades”. Así mesmo, tamén destacou que “a compañía atópase realizando unha rolda de contactos con presentacións de plans de despregadura en cada municipio para poder informar os alcaldes e alcaldesas da situación do programa”.
En Ourense o plan conta cun investimento de 18.391.322 euros para 45.635 unidades en Ourense cuxos traballos están a ser efectuados pola empresa Adamo Telecom.
Con esta nova liña de axudas, financiada cos fondos Next Generation EU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, mobilizarase un investimento público-privado de 388,2 millóns de euros, que se suman aos 1.120 millóns postos en xogo desde 2018. Estes investimentos permitiron levar conexións de banda larga ultras rápida a máis de catro millóns de fogares e empresas ata 2021.
No caso de Galicia, como na maior parte do territorio estatal, os fogares e empresas beneficiados atópanse en zonas brancas, aquelas que non dispoñen de cobertura de redes de velocidade de polo menos 30 Mbps, nin plans para a súa dotación nos próximos tres anos.

PUBLICIDADE