O Plan ÚNICO leva a banda larga a 700 fogares e empresas de Boiro

martes, 29 de agosto do 2023 S. P.

O delegado do Goberno, Pedro Blanco, visitou o pasado 23 de agosto o concello de Boiro. Na compaña do alcalde, José Ramón Romero, supervisou os proxectos que se están a levar a cabo no concello co apoio do Goberno central, que impulsou dende diversas frontes a transformación do termo municipal e dos seus núcleos cunha achega que supera os 3,5 millóns de euros.
Despois de manter unha reunión no Concello, o delegado e o rexedor boirense desprazáronse ata a Casa da Cultura de Boiro, no parque da Cachada, que nos próximos meses vai ser obxecto de melloras que “permitirán ampliar a capacidade do salón de actos para poder acoller unha oferta cultural máis atractiva e tamén para facelo máis accesíbel”, sinalaron, ao tempo que engadiron que esta actuación será posíbel grazas aos 1,5 millóns de euros do Goberno para unha actuación que ascende a 2,6 millóns de euros, que completará o Concello de Boiro, e que servirán tamén para integrar este espazo na súa contorna e mellorar a súa eficiencia enerxética.
Xunto a esta actuación, o alcalde e o delegado repasaron outros investimentos do Executivo central na localidade, como os 237.642 euros en axudas ao comercio local para a dinamización do Centro Comercial Aberto de Boiro, no que se incluía a reforma do Mercado Municipal, a Festa do Comercio ou servizos de dixitalización para comerciantes locais, entre outras medidas. Unha cantidade similar de 267.501 euros é a que suman as tres axudas que recibiu o concello para impulsar a eficiencia enerxética e que posibilitaron a mellora da iluminación en varios núcleos rurais do municipio, a renovación das instalacións de transformación de enerxía eléctrica das instalacións deportivas de Vista Alegre e a mellora da eficiencia enerxética da iluminación de distintos pavillóns.
Tamén destacaron a inclusión de Boiro no Plan de Sustentabilidade Turística Barbanza-Arousa Norte que, cun investimento de 1,5 millóns de euros, contempla a creación de roteiros personalizados e melloras en infraestruturas turísticas que, no caso de Boiro, concretarase na creación dun museo dedicado á conserva.
Pedro Blanco puxo en valor “o esforzo do Goberno por levar a banda larga a todos os concellos de Galicia, unha iniciativa que se materializa a través do Programa ÚNICO do Ministerio de Asuntos Económicos e que en Boiro permite dotar de conexión da Internet de alta velocidade a preto de 700 fogares e negocios que ata o de agora non gozaban deste servizo”.
Blanco engadiu que “os investimentos do Goberno no municipio, que se completan cos 15.500 euros do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero que o concello recibe do Ministerio de Igualdade, superan os 3,5 millóns de euros”.

PUBLICIDADE