O Plan ÚNICO leva a banda larga a 400 fogares e negocios de Antas de Ulla

xoves, 24 de agosto do 2023 S. P.

O delegado do Goberno, Pedro Branco, desprazouse este xoves 24 de agosto ata o concello de Antas de Ulla (Lugo) para supervisar xunto á súa alcaldesa, Pilar García Porto, as actuacións que se están financiando no municipio co apoio do Goberno grazas a un investimento de 1,12 millóns de euros.
Entre as iniciativas programadas está a reforma da Casa da Cultura cunha achega de 816.885 euros do Goberno e unha contía total de 945.000 millóns de euros que completará o Concello de Antas de Ulla, e que servirán tamén para arranxar a súa cuberta e a súa fachada e mellorar así a súa eficiencia enerxética.
Xunto a esta actuación, a alcaldesa e o delegado repasaron outros investimentos do Goberno na localidade, como os 241.412 euros en axudas para eficiencia enerxética, que posibilitaron a renovación da práctica totalidade dos puntos de luz do concello, ou o esforzo para levar Internet de alta velocidade a preto de 400 fogares e negocios de Antas de Ulla, que ata agora non gozaban deste servizo, co Programa ÚNICO do Ministerio de Asuntos Económicos.
Á marxe destes investimentos, o Concello tamén está pendente da resolución dunha axuda de 400.000 euros do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo con cargo aos fondos do Plan de Recuperación do Goberno para acondicionar o espazo e humanizar a contorna da Praza Nova.

PUBLICIDADE