O Plan TIC de Medidas Urxentes comeza a dar os primeiros froitos na Xustiza galega

venres, 12 de marzo do 2010 Raquel Noya

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, que acudiu hoxe ás Primeiras Xornadas Autonómicas de Procuradores e Secretarios Xudiciais, celebradas na Coruña, destacou o “importante traballo que está a desenvolver a Administración da Xustiza en Galicia para avanzar na aplicación das TIC”, unha tarefa que xa comezou no pasado mes de xullo coa implantación do Plan TIC de Medidas Urxentes e que vai dar paso agora ao Primeiro Plan de Sistemas e Tecnoloxías da Información na Xustiza da Comunidade.
Cun investimento de máis de 2.100.000 de euros para o período 2009-2010, o devandito plan abrangue unha serie de accións encamiñadas á mellora e á estabilización da infraestrutura tecnolóxica e de servizos que lle permita á nosa Administración de Xustiza avanzar na aplicación das TIC no seu ámbito.
Entre as actuacións que se están a realizar, Mar Pereira destacou a continuación do proceso de implantación do sistema LexNET en toda a Comunidade, un sistema que permite o intercambio seguro de información a través da vía telemática entre xulgados, procuradores e avogados, e que xa funciona na Coruña, Santiago, Padrón e Ordes.
Outro aspecto fundamental na implantación das TIC no ámbito xudicial é, segundo a secretaria, “a definición do modelo de xestión audiovisual para a gravación de vistas co obxectivo final de integralas no expediente xudicial único”, algo que por lei será obrigatorio a partir do vindeiro día 4 de maio.
Tamén se contempla a modernización da infraestrutura tecnolóxica para estender o sistema de gravación a todas as salas coa incorporación de dispensadores, pantallas informativas ou sistemas de almacenamento centralizado, entre outras medidas.
Dentro do modelo de xestión audiovisual, a responsable de Modernización, lembrou a importancia “de integrar na práctica habitual do sistema xudicial o uso da videoconferencia para optimizar custos e tempos”, así como a necesidade de implantar o programa Inforeg para a informatización e dixitalización dos Rexistros Civís e dos Xulgados de Paz.
Todas estas medidas que o Executivo está a levar a cabo para introducir as TIC na nosa Administración de Xustiza, permitirán, entre outras cousas, dotar a Galicia dunha xustiza na que o expediente único, centralizado e electrónico “sexa unha realidade”, e que as relacións con outros organismos e Comunidades sexa máis directa e eficaz.

PUBLICIDADE