O Plan Smart Turismo abrangue a actualización das infraestruturas TIC do noso sector

xoves, 15 de xaneiro do 2015 Redacción

O Goberno galego amosou onte as súas vindeiras iniciativas en materia de turismo intelixente na xornada Smart Destination celebrada no Colexio de Arquitectos de Madrid. Á cita acudiu a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen sinalou que a aposta da Xunta pola tecnoloxía e a innovación aplicadas ao sector está xa presente en iniciativas como o Plan Smart Turismo, o desenvolvemento do proxecto Smart Camiño ou o pulo á creación de destinos intelixentes. Segundo fixo saber, o Plan Smart Turismo con cun investimento de 10 millóns de euros (de aquí a cinco anos) e, entre outras cousas, abrangue a actualización das infraestruturas TIC do noso sector.
Durante a inauguración da xornada, o ministro de Industria, José Manuel Soria, deu a coñecer os avances no proxecto piloto Destinos Turísticos Intelixentes (DIT) que, desenvolvido pola Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (SEGITTUR), é un dos programas do Plan Nacional e Integral de Turismo (PNIT) 2012-2015. O seu obxectivo é aplicar as vantaxes das TIC á actividade económica dos destinos, amais de fomentar a participación de empresas estatais en proxectos de todo o mundo. Por certo que un destes destinos adheridos ao programa é Santiago de Compostela, xunto a outros como a Praia de Palma (Baleares), as illas de El Hierro e La Gomera (Canarias), Casteldefels (Catalunya), Haro (A Rioxa), Jaca (Aragón) ou Axarquía (Andalucía).
Segundo lembrou Nava Castro, o Plan Smart Turismo (posto en marcha xunto con AMTEGA) vai tamén dirixido a impulsar a modernización e a competitividade do sector a través das TIC. Só que na nosa terra e cuns horizontes máis amplos. Este plan, dixo, conta cun investimento de 10 millóns de euros até 2020 e abrangue o desenvolvemento de catro eixos prioritarios: modernizar as infraestruturas tecnolóxicas do turismo de Galicia; aproveitar as tecnoloxías para a promoción, a comercialización e o mantemento no tempo dos viaxeiros; fomentar a innovación no sector; e potenciar o Camiño de Santiago.
Precisamente, engadiu, un dos “elementos clave” do Plan Smart Turismo é a creación do Smart Camiño, “unha actuación que consolidará o Camiño de Santiago nun recurso intelixente e sustentábel a través da aplicación da innovación e a tecnoloxía”. Con esta acción, proseguiu, “conseguirase un Camiño accesíbel para todos, mellorando as súas infraestruturas, mellorando a colaboración e aproveitamento de sinerxías entre todos os axentes implicados, contribuíndo á mellora dos recursos patrimoniais e impulsando a aplicación das TIC”. O proxecto conta coa aplicación móbil Camiño de Santiago en Galicia, unha ferramenta desenvolvida por SEGITTUR e que achega ao usuario servizos de xeolocalización permítelle seguir o trazado de cada etapa e ir obtendo información útil dos distintos albergues públicos e privados, monumentos e recursos turísticos máis destacados. “Toda a información pode ser situada sobre o mapa con exactitude e está complementada con recursos multimedia como fotografías ou vídeos”, explicou a directora de Turismo de Galicia.

PUBLICIDADE