O Plan Digitalent 2022 incorpora un programa para facilitar a empregabilidade dos estudantes de FP

xoves, 27 de outubro do 2022 S. P.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) informou dos detalles do novo catálogo de actividades do Plan Digitalent, un novo conxunto de accións destinadas a fomentar o talento tecnolóxico das nosas mozas e mozos, a espertar vocacións e favorecer, en última instancia, a súa empregabilidade (satisfacendo a demanda crecente de novos perfís dixitais). Haberá, neste curso 2022-2023, propostas para todas as idades. No capítulo de novidades inclúese a iniciativa Mentoring FP.
O catálogo para o novo curso escolar pechouse este xoves 27 cunha xuntanza de traballo presidida por Julián Cerviño Iglesia, director da AMTEGA, na que participaron as empresas do Pacto dixital que colaboran co Plan.
As propostas das empresas iranse incorporando á web de Digitalent, á medida que se pechen datas e prazas de cada unha.
O director fixo balance da convocatoria do curso anterior, no que se celebraron ata 37 actuacións dirixidas aos distintos perfís da cidadanía, quixo agradecer ás empresas colaboradoras e ao Clúster TIC “o seu labor e compromiso no fomento do talento dixital galego nos últimos anos”.
Iniciativas lideradas pola axencia
Entre as liñas do Plan para o próximo período, avanzáronse as propostas impulsadas pola AMTEGA, como a renovación do programa Tecnólog@ por un día, unha iniciativa liderada pola axencia autonómica que acada xa as seis edicións celebradas dende 2018. O catálogo do curso 2021/2022 acollerá dúas novas edicións desta actividade, coas que se seguirán a impulsar as vocacións STEAM e o interese nas novas profesións dixitais entre os rapaces e rapazas de Secundaria e Bacharelato.
A primeira quenda deste curso conta con máis de 50 prazas e terá lugar durante os meses de novembro e decembro. O alumnado participante poderá desfrutar dunha xornada inmersiva nos centros de traballo das empresas TIC que colaboran co programa, Altia Consultores, DXC Technology, NTT Data, Quobis, Satec ou Televés, ou visitar as instalacións da Amtega no GaiásTech.
Doutra banda e como novidade este ano, destaca a próxima posta en marcha do programa Mentoring FP, unha iniciativa conxunta da Axencia e a Consellería de Cultura e Educación, impulsada no marco da Estratexia de Formación Profesional Galicia 2030 e da Estratexia Galicia Dixital 2030. Trátase dunha actuación que ten por obxectivo “facilitar a entrada no mercado laboral dos estudantes de Formación Profesional dan man dos expertos e profesionais das empresas colaboradoras, que titorizarán aos participantes a través dun Plan de Mentoring personalizado, acompañándoos na identificación de saídas profesionais adaptadas ao seu perfil ou asesorándoos na posta en marcha dun proxecto emprendedor”.
Mentoring FP acada xa as 30 prazas confirmadas por Altia Consultores, DXC Technology, Inetum, NTT Data e SATEC, dirixidas ao alumnado de Grao Superior e Cursos de Especialización de Formación Profesional da familia de coñecemento Informática e Telecomunicacións.
Ademais, a Xunta segue a poñer o foco na atracción e retención do talento dixital galego e continúa a traballar en Retorna Dixital, un espazo web que recolle as ofertas de emprego do sector TIC de Galicia, ofrecendo aos galegos e galegas retornados ou que se atopan no exterior oportunidades de desenvolver a súa carreira profesional na nosa comunidade.
Con esta actuación, a Axencia, en colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración no marco do programa Galicia Retorna, busca “xerar un espazo de encontro en constante actualización entre o sector tecnolóxico galego e os perfís dixitais especializados emigrados para así reducir a fenda entre a demanda e a dispoñibilidade de talento tecnolóxico en Galicia”.

PUBLICIDADE